O BNG de Celanova esixe melloras na accesibilidade dos espazos municipais

OurenseXa
A voceira nacionalista, Ernesta Seoane, anuncia que o seu grupo levará ao pleno unha moción para pedir un Plan Municipal de Accesibilidade e a creación dun Consello Local de Accesibilidade
Ernesta Seoane
Ernesta Seoane
2 Sep 2025

O BNG de Celanova presentará no vindeiro pleno moción para esixir melloras en canto á accesibilidade nos edificios e espazos de responsabilidade municipal. A voceira municipal, Ernesta Seoane, explica que a iniciativa busca garantir que toda a veciñanza, con independencia das súas capacidades, poida acceder aos servizos públicos en condicións de igualdade.

A proposta contempla a elaboración dun Plan Municipal de Accesibilidade plurianual, a adaptación progresiva dos edificios e instalacións municipais, a mellora da mobilidade peonil, a adaptación de espazos de lecer e parques infantís, así como a creación dun Consello Local de Accesibilidade que coordine e impulse as medidas nesta materia coa participación da cidadanía e dos colectivos afectados.

Os nacionalistas defenden que o plan recolla accións como a mellora progresiva da accesibilidade nos edificios públicos e instalacións municipais, a adaptación das rúas e beirarrúas para facilitar a mobilidade peonil, a incorporación da normativa de accesibilidade nas licenzas municipais para os novos establecementos de pública concorrencia, e a posta ao día de edificios baixo tutela municipal como a casa do concello, os centros culturais ou de lecer, dotándoos de sistemas de lectura en braille, linguaxe de signos, ramplas ou elevadores.

Ademais, propoñen adaptar tamén as áreas de xogo e parques infantís para que poidan ser utilizados en igualdade de condicións por todos os nenos e nenas, así como a creación dun Consello Local de Accesibilidade que funcione como espazo de coordinación institucional e de participación cidadá, integrando tanto representación municipal como dos principais colectivos beneficiarios.

“A accesibilidade non se limita a eliminar barreiras arquitectónicas”, lembra Seoane, “senón que abrangue tamén medidas concretas para garantir que todas as persoas, con diversidade funcional intelectual, cognitiva, visual ou doutro tipo, formen parte da sociedade en igualdade de condicións”.

Defende que lugares como a propia Casa do Concello ten lugares “practicamente inaccesibles”, e pon de exemplo o acceso ao rexistro e aos servizos administrativos que di, “carecen de instalacións adaptadas”.

En palabras de Seoane, a proposta busca “que Celanova dea un paso decidido cara a un modelo de municipio inclusivo, digno e con equidade, no que ninguén quede atrás por falta de accesibilidade”.

⚙ Configurar cookies
0.17186188697815