O BNG de Ourense acusa á Xunta de privatizar os servizos de atención ás vítimas de violencia machista

OurenseXa
As nacionalistas presentaron esta mañá a súa campaña para conmemorar o 25N, centrada nos servizos públicos
bng-ourense-25n
17 Nov 2025

O BNG de Ourense presentou esta mañá a súa campaña para o 25 de novembro nun acto encabezado pola deputada Noa Presas, quen subliñou a necesidade urxente de reforzar os servizos públicos e o feminismo como ferramentas imprescindibles para combater a violencia machista.

As nacionalistas denuncian que a Xunta de privatizar “todos os servizos que pode e que teñen que ver coa atención ás vítimas de violencia machista”. O Goberno galego, explicou Presas, “privatizou os centros de crise 24 horas para mulleres vítimas de violencia sexual, privatizou a rede de acollemento e agora acaba de anunciar tamén a privatización dos futuros CIM móbiles”.

Unha situación que di, “non podemos tolerar”, polo que reclama que estes recursos “sexan servizos públicos, cun reforzo real da atención psicolóxica, da asistencia nos xulgados e doutras áreas fundamentais no acompañamento ás vítimas”. “En tempos de cuestionamento e negacionismo”, insistiu a deputada, “cómpre máis feminismo contra a violencia machista”, polo que o Bloque chama á mobilización neste 25N. “O 25 de novembro estaremos nas rúas, da man do feminismo galego de base, berrando alto e claro: contra a violencia machista, ningún paso atrás!”, concluíu Presas.

Dentro do marco desta campaña, o mércores 19 de novembro celebrarase na Casa da Cultura do Carballiño un acto no que se proxectará o filme documental: “Tódalas mulleres que coñezo”. Seguido dun faladoiro no que participarán Xiana Teixeiro, directora do filme; Antía Pousa, Xeracción S. Coop Galega e Fátima Gómez, compoñente da Agrupación AMICA do Carballiño.

⚙ Configurar cookies
0.089884996414185