O BNG de Ourense critica a falta de planificación contra os incendios e pide medidas centradas no rural

OurenseXa
Entre as medidas que propón o BNG están a limpeza e mantemento continuos das faixas de seguridade, a recuperación de masas autóctonas ou a creación de redes locais de vixilancia
sonia-vidal-lamas
11 Aug 2025

O BNG de Ourense denunciou a ausencia dunha política integral de prevención de incendios por parte da Xunta, despois da vaga de lumes rexistrada nos últimos días. Entre eles, citan o incendio de Chandreixa de Queixa, que afecta a preto de 800 hectáreas e chegou a ameazar o Parque Natural do Invernadoiro, e o de Maceda, que obrigou a declarar o nivel 2 pola súa proximidade ao núcleo da Teixeira. Tamén mencionan os incendios de Vilariño de Conso, Vilamaior do Val en Verín, Padrenda e Vilardevós.

A deputada nacionalista Sonia Vidal sinalou que non se trata “dun problema inevitable nin exclusivamente climático”, senón da falta “dunha planificación efectiva que priorice a prevención sobre a extinción” e dunha coordinación real cos concellos e con quen vive e traballa no rural.

Segundo Vidal, cada ano repítese “o mesmo guión”: actuar cando o lume xa está activo, no canto de traballar durante todo o ano para anticiparse e minimizar riscos. Entre as medidas que o BNG propón para o Plan de Prevención de Incendios Forestais da Xunta están a limpeza e mantemento continuos das faixas de seguridade, a recuperación de masas autóctonas, o apoio á fixación de poboación no rural e a creación de redes locais de vixilancia, así como a profesionalización e mellora das estruturas de coordinación entre administracións e o sector primario.

“O que está en xogo non é só o noso patrimonio natural, senón tamén a seguridade e o futuro das nosas vilas e aldeas”, recalcou Vidal.

O BNG agradeceu o traballo dos equipos que interviñeron nos incendios, destacando a súa profesionalidade, dedicación e esforzo en condicións adversas, e subliñou que a súa labor evitou danos aínda maiores.

⚙ Configurar cookies
0.26935410499573