O BNG de Ourense denuncia a "preocupante situación" do Parque de Bombeiros

OurenseXa
"Dende o BNG esiximos ao Goberno Local que poñas os medios necesarios para solucionar esta situación que pon en risco a seguridade dos bombeiros e da cidadanía de Ourense"
bng_ourense
20 Ago 2024

Dende o BNG levan moito tempo alertando da "preocupante situación" do Parque de Bombeiros, a pasada madrugada do luns, no incendio do Barrio de Covadonga, mobilizáronse todos os efectivos, sete, os únicos cos que conta este parque na actualidade, catro menos do mínimo exixido.

A formación nacionalista denuncia que o Goberno Local "nunca cumpriu" a promesa de incorporación de 10 efectivos ao Parque de Bombeiros, promesa que é precisa para poder cumprir co cupo mínimo.

O BNG denuncia que de ter ocorrido outra emerxencia na cidade ao mesmo tempo que o incendio de Covadonga, non habería bombeiros dispoñibles para atendela.

Luís Seara, portavoz do BNG na cidade, alega que “todo isto denota a irresponsabilidade deste goberno, que o único que lle importa son as festas, e ante unha cuestión desta embergadura non actúa e mira para outro lado”.

O BNG alerta que o problema non está só na carencia de medios persoais, "senón na insuficiencia de medios medios materiais, imprescindibles para garantir a seguridade. Estamos a falar de que hai problemas coa unidade forestal, que xa ten fallado nunha intervención e de danos na unidade de altura, que a día de hoxe está fóra de servizo, sendo un vehículo imprescidible".

A formación nacionalista acusa ao Goberno Local da falta de previsión e exhaustividade no mantemento dos vehículos, e Seara advirte que “non se lles esixe ás empresas un adecuado seguimento dos vehículos e reparacións, que tan só so parches sobre o problema” o risco que xera esta situación é moi preocupante.

Así, conclúen que "dende o BNG esiximos ao Goberno Local que poñas os medios necesarios para solucionar esta situación que pon en risco a seguridade dos bombeiros e da cidadanía de Ourense".

0.15741801261902