O BNG de Ourense esixe priorizar o transporte urbano na próxima Xunta de Portavoces deste venres

O grupo municipal do BNG solicitou que a situación do transporte urbano sexa tratada como un tema prioritario na Xunta de Portavoces convocada para mañá venres, 12 de setembro. A petición chega tras a reunión celebrada o pasado martes na alcaldía do Concello de Ourense, na que o alcalde presentou aos grupos municipais unha proposta de modificación de crédito por máis de 25 millóns de euros e se acordou celebrar un novo encontro para que a oposición manifeste o seu posicionamento.
Desde o BNG consideran que “a confusión, os nervos e a incertidume entre a veciñanza diante do novo mapa de liñas, dos cambios permanentes nas mesmas e a súa implementación prevista para o vindeiro martes, son da suficiente entidade como para que esta cuestión sexa abordada con tranquilidade, seriedade e rigor”.
O portavoz nacionalista, Luís Seara, sinala que “neste momento o novo mapa de liñas e os cambios constantes na proposta inicial está a provocar moito desasosego, confusión, nervosismo e mesmo indignación entre a veciñanza” e engade que “recibimos na nosa oficina chamadas constantes de veciñas e veciños que queren saber que é o que vai acontecer, que non teñen claro como lles afecta ou mesmo para amosar a súa indignación diante da perda de servizos”.