O BNG de Ourense participou nas xornadas de traballo sobre vivenda organizadas no Parlamento europeo

Unha ampla delegación de alcaldesas e representantes institucionais do BNG, participan desde hoxe nunhas xornadas de traballo sobre o acceso á vivenda organizadas pola eurodeputada do BNG no Parlamento Europeo Ana Miranda e a Alianza Libre Europea, o Grupo no que se integra a formación nacionalista na Eurocámara. A falta de vivenda asequible e digna en Galicia, os prezos do alugueiro ou as problemáticas derivadas das vivendas de uso turístico serán algúns dos problemas que se abordarán nestes dous días de traballo.
Un dos participantes nas xornadas é o Portavoz do BNG no Concello de Ourense Luís Seara, quen sinala que “este é un dos temas que máis preocupa aos galegos e as galegas e polo tanto ás e aos ourensáns, sendo un obxectivo prioritario do BNG aportar ferramentas e solucións para que todas e todos teñamos acceso a unha vivenda digna e asequible”.
Xunto a Luís Seara, a delegación está conformada polas alcaldesas de Cangas do Morrazo e Barreiros, Araceli Gestido e Ana Ermida, o responsable da Comisión de Vivenda da Executiva do BNG Xurxo Rodríguez, o Concelleiro de Urbanismo de Santiago de Compostela, Iago Lestegás e o Concelleiro da Área de planificación do territorio de Pontevedra Alberto Oubiña, o Vicepresidente da Deputación de Lugo e Concelleiro en Sarria Efrén Castro, o Portavoz municipais de Ferrol Iván Rivas, as Concelleiras de Vigo e A Coruña Ana Martínez e Avia Veira, a concelleira en Ames, Escarlata Pampín, o concelleiro en Sanxenxo Fran Leiro e a responsable comarcal de Lugo Sur Rosana Prieto.
Seara porá en valor as diferentes iniciativas presentadas polo BNG no Concello de Ourense, as máis recentes, a creación dunha empresa pública de vivenda ou a creación dunha oficina de emancipación xuvenil. “As veciñas e os veciños de Ourense padecen un dos alugueiros máis caros de toda Galicia. Nunca foi tan caro como até o de agora alugar unha vivenda no noso concello”.
Diante desta situación, Luís Seara entende que “as administracións non poden permanecer alleas a esta realidade e cómpre que todas elas, dentro do seu ámbito competencial, adopten as medidas necesarias para paliar unha escalada de prezos que ameaza moi seriamente a boa parte da veciñanza que observa, impotente, como xa non é que boa parte do seu salario teña que ser adicado ao pagamento dun aluguer senón que tan sequera atopa vivendas ás que acceder”.