O BNG de Ourense pon en marcha unha serie de actos con motivo do Ano Castelao

OurenseXa
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu unha conferencia de Marta Dacosta dentro do programa que está a desenvolver a formación nacionalista para homenaxear ao autor de Sempre en Galiza no setenta aniversario da súa morte
acto-castelao-bng
20 Feb 2025

No Centro Cultural Marcos Valcárcel e ante ducias de asistentes, a escritora, poeta e divulgadora da figura de Castelao, Marta Dacosta Alonso, destacou na conferencia organizada polo BNG e a Fundación Galiza Sempre que, “75 anos despois da súa morte, existe aínda unha débeda de recoñecemento con Castelao e insistiu na necesidade de difundir a figura íntegra do nacionalista”. No acto, que se enmarca dentro do programa organizado con motivo do Ano Castelao, reivindicouse a súa condición como primeiro presidente de Galiza.

A conferencia contou coa participación do Resposable Local do BNG en Ourense Xurxo Rodríguez, que destacou o amplo programa que o BNG está a desenvolver con motivo do Ano Castelao por todo o país porque, segundo dixo, "é necesario difundir a súa figura na súa integridade, a dimensión inmensa dese brillante artista, escritor, investigador que, segundo el mesmo dicía, era fundamentalmente político". Neste sentido, Xurxo Rodríguez lamentou que nesta conmemoración “se estea a ocultar a súa condición de político nacionalista”.

Do mesmo xeito, Dacosta destacou que é preciso poñer o foco no pensamento de Castelao que traslada a verdadeira trabe de toda a súa obra. A defensa dos dereitos e o amor a Galiza e o nacionalismo que preside a súa praxe e a súa teoría política. No acto, lamentouse que "se continúe a teimar deturpar a súa figura ocultando ou negando oa súa clara condición nacionalista, o que deixa a vista que a súa figura aínda é incómoda".

Igualmente reivindicou o seu "legado político, a súa xenerosa e brillante obra e a súa traxectoria de compromiso co noso país que teñen que ser guía para continuar defendendo os nosos intereses, os das clases populares e tamén as loitas de liberación nacional no mundo e de costas á orde internacional que impoñen as grandes potencias colonizadoras que é a grande lección que nos deixou".

Cun amplo programa de actos, o BNG e a FGS están a poñer o foco na traxectoria do que consideran unha "das principais figuras da nosa historia, fundamental para entender o nacionalismo de hoxe". Distintas personalidades coñecedoras da figura de Castelao como Francisco Rodríguez, Pilar García Negro, Marta Dacosta ou Xoán Carlos Garrido Couceiro participan no ciclo de conferencias que se desenvolve ao longo de todo o país xunto con outras iniciativas de promoción e difusión neste ano en que se cumpre o 75 aniversario do seu falecemento.

Recoñecen a Castelao como referencia fundamental para o proxecto político e ideolóxcio do nacionalismo, imprescindíbel para entender a historia de Galiza e un líder indiscutíbel dunha dimensión e integridade únicas.

"O nacionalismo galego ten desde a súa reorganización unha guía clara que foi o seu maxisterio e o seu libro Sempre en Galiza, coa defensa da necesidade de crear organizacións propias e a urxencia de ampliar as bases até construír un gran movemento de masas, o mesmo obxectivo que animaba o Partido Galeguista de Castelao e Bóveda".

Destacan así que Castelao é unha figura clave sen a que o nacionalismo galego non sería hoxe o proxecto transformador de defensa de Galiza que é, seguino a lección que Castelao expresou dicindo que "o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os an-ceios en realidades, as ideas en feitos".

0.18012499809265