O BNG de Ourense presenta unha campaña contra a guerra e a escalada bélica a nivel gobal

O BNG de Ourense presentou este martes unha nova campaña baixo o lema “Na Galiza: paz, soberanía, dereitos”, coa que a formación nacionalista quere trasladar á cidadanía a súa posición contraria á guerra e ao incremento do gasto militar, así como promover mobilizacións en diferentes puntos do país.
No acto, celebrado en Ourense, representantes do Bloque advertiron do actual contexto internacional, marcado por unha crecente tensión xeopolítica e polos cambios no equilibrio de poder a nivel global. Neste sentido, Luís Seara sinalou que se está a producir unha transición “dun mundo unipolar a un mundo multipolar”, o que está a derivar, ao seu xuízo, nunha “intensificación dun escenario de confrontación”.
A formación tamén puxo o foco nos conflitos internacionais en curso, especialmente en Oriente Medio, onde denunciou a actuación de Estados Unidos e Israel. Sobre a situación en Palestina, cualificárona como “un xenocidio que todo o mundo identifica xa como tal”.
No ámbito estatal, o BNG criticou o aumento do investimento en defensa e advertiu das súas consecuencias. “O aumento do gasto militar significa redución do gasto social, sanitario e educativo, e tamén o encarecemento dos prezos”, afirmaron, cuestionando ademais a coherencia do Goberno español entre o seu discurso público e as súas políticas.
Así mesmo, a organización nacionalista denunciou o que considera unha dependencia da Unión Europea respecto da OTAN e dos Estados Unidos, ao tempo que alertou da implicación de Galiza no complexo militar-industrial. Nesta liña, amosaron o seu rexeitamento á celebración dun desfile das Forzas Armadas en Vigo e reclamaron a súa cancelación.
Como proposta alternativa, o BNG reafirmou unha posición “antibelicista e de defensa da soberanía dos pobos”, defendendo medidas como a neutralidade do Estado español, a saída da OTAN ou a reconversión de instalacións militares para usos civís, xunto cun impulso á reindustrialización baseada no emprego digno.
Pola súa banda, o responsable comarcal, Sarín Núñez, avanzou que a campaña incluirá actos informativos e mobilizacións ao longo dos meses de abril e maio na comarca de Ourense.
Finalmente, o Bloque confirmou a súa participación nas mobilizacións promovidas pola plataforma Galiza pola Paz e fixo un chamamento á cidadanía a implicarse: “as políticas teñen que estar ao servizo dos servizos públicos e non da guerra nin dos desfiles militares”.