O BNG de Ourense presenta unha campaña para impulsar o comercio local na Praza de Abastos

OurenseXa
Baixo o lema “mellor local, mellor galego”, buscan fomentar o pequeno comercio e apostar polos produtos galegos
bng-campaña-comercio-local
12 Dec 2025

O BNG de Ourense presentou esta mañá, fronte á Praza de Abastos provisional nº 1, a campaña “mellor local, mellor galego”, coa que pretende concienciar sobre a importancia do pequeno comercio de proximidade e a aposta polos produtos galegos.

O lugar escollido para a presentación non foi casual, xa que desde o BNG querían “amosar, unha vez máis, o noso apoio e compromiso cara un modelo de xestión co que coincidimos plenamente”. Sobre a situación actual da Praza de Abastos, o portavoz municipal, Luís Seara, destacou que “seguimos insistindo na necesidade de que as praceiras e praceiros abandonen canto antes o espazo que ocupan na Alameda para que poidamos recuperalo para toda a veciñanza, mais o traslado ao edificio rehabilitado ten que facerse en condicións óptimas para que poidan seguir desenvolvendo a súa actividade cun mínimo de dignidade”.

Ademais, o BNG reclama ao alcalde que sexa claro e valente: “Que diga con claridade que o que quere é mudar o modelo de xestión da Praza de Abastos e que para facelo, as praceiras e praceiros sobran”.

No acto participaron membros do grupo municipal, o deputado Iago Tabares, cargos orgánicos do BNG e representantes das e dos vendedores. Seara reivindicou que “en Galiza contamos cun tecido produtivo único, unha combinación de terra, mar e saber facer que nos permite ofrecer alimentos e produtos de calidade extraordinaria”. Con todo, criticou que “a política da Xunta de Galicia continúa apostando por un modelo de consumo que favorece ás grandes superficies e ao capital transnacional, deixando cada vez máis desprotexidos ao sector primario, á industria de transformación e ao comercio de proximidade”.

Para o portavoz, “a aposta polo consumo de produtos galegos e polo comercio de proximidade non é só unha cuestión económica, é cohesión social, equilibrio territorial e defensa do noso futuro produtivo”. Engadiu que “cun apoio decidido ao comercio local, Galiza pode xerar emprego digno, dinamizar a vida económica e social e garantir que a riqueza produtiva quede aquí”.

O BNG defende “un marco comercial que protexa as pequenas tendas, que garanta condicións xustas para as persoas autónomas e que revitalice os mercados locais e as zonas comerciais tradicionais”. Tamén aposta “por un país que produza, transforme e venda o seu, sen depender das imposicións das grandes cadeas nin das plataformas dixitais que impoñen prezos e condicións”.

Seara destacou o papel fundamental dos traballadores autónomos, que “son unha peza esencial da economía galega, sostendo milleiros de pequenos negocios, talleres, comercios e iniciativas emprendedoras que dinamizan e xeran riqueza e emprego”. Por iso, o BNG defende “medidas que lles garantan estabilidade e condicións xustas, como cotizacións adaptadas aos ingresos reais, menos burocracia, máis protección social, acceso a financiamento e apoio á dixitalización”.

A campaña “mellor local, mellor galego” busca impulsar iniciativas como unha nova Lei do Comercio Local, promover o consumo de produtos galegos, frear o avance das grandes superficies, recuperar e revitalizar os mercados municipais, fomentar a produción alternativa e ecolóxica, impulsar unha marca galega de calidade e a identificación da procedencia dos produtos hortícolas, pesqueiros e marisqueiros, garantir prezos xustos para os produtores, regular os horarios comerciais ou despregar liñas de crédito prioritarias para o comercio de proximidade.

⚙ Configurar cookies
0.082365036010742