O BNG de Pereiro de Aguiar critica que os orzamentos de 2025 están “afastados das necesidades reais da veciñanza”

OurenseXa
Sinalan que as contas aprobadas polo Goberno Local “diminúen o gasto na prestación de servizos e apenas atenden ás necesidades e demandas en materia de transporte, vivenda, cultura ou emerxencia social”
Rubén García, portavoz do BNG en Pereiro de Aguiar
Rubén García
17 Jun 2025

O Concello do Pereiro de Aguiar vén de aprobar o seu Orzamento para o presente exercicio 2025. unhas contas que ascenden a un total de 7.985.000 euros pero que contaron co voto contrario do BNG no Pleno celebrado o pasado xoves.

O Portavoz dos nacionalistas na Corporación, Rubén García, sinala en primeiro lugar “o atraso na aprobación deste instrumento básico de funcionamento de calquera administración, xa que é seis meses despois do inicio do ano en curso cando se trouxeron a Pleno”.
En segundo lugar, García explica “que a partida dentro da estrutura de gasto relativa a transporte público, que é unha demanda social fundamental da veciñanza do Pereiro, apenas consigna 20.800 euros, nun concello que carece de conexión co transporte metropolitano” e engade, “este feito supón un gran gasto para as nosas familias que teñen que desprazarse en vehículo particular”.

Outro dos ámbitos cuestionados polo BNG é no capítulo referido á vivenda, “apenas 25.000 euros coa escalada de prezos que imos sufrir tanto en alugueiros como na compra de vivenda, nun concello no que temos un importante crecemento demográfico de moitísima xente nova”. Ámbitos como o cultural, a promoción da lingua ou a emerxencia social, son outras das partidas que apenas se ven incrementadas chegando, neste último caso mesmo a “diminuir respecto ao ano 2024”.

O Portavoz do BNG no Pereiro ten claro que “estamos diante dunhas contas continuistas e pouco ambiciosas, onde diminúe o gasto en prestación de servizos, camuflado iso si, cun investimento en eficiencia enerxética de 1.180.000 euros pero que non deixa de ser un investimento enganoso con case 8.000.000 euros de Orzamento”.

Segundo García, “as necesidades reais da veciñanza do Pereiro de Aguiar non atopan resposta e solución nestas contas, por iso reiteramos o noso voto en contra, porque cremos que o esforzo que o equipo de Goberno do Partido Popular podería ser moito maior do que se reflicte neste Orzamento para 2025”.

⚙ Configurar cookies
0.15876603126526