O BNG de Pereiro de Aguiar reclama explicacións pola tala de máis de 30 árbores na contorna do encoro de Cachamuíña

O BNG de Pereiro de Aguiar esixirá ao Goberno local e á Xunta de Galicia aclaracións pola recente tala de máis de trinta piñeiros de grande porte na zona do encoro de Cachamuíña. A formación nacionalista asegura que trasladará o asunto tanto ao Pleno municipal como ao Parlamento galego, a través do seu grupo parlamentario.
A tala foi detectada a finais de novembro por veciños e usuarios habituais deste espazo natural, que se atoparon cunha paisaxe totalmente alterada. As árbores, algunhas delas de máis de 50 anos, ocupaban a marxe esquerda do encoro do río Loña, nunha das áreas máis frecuentadas polas persoas que empregan o carril bici e a zona de lecer.
O portavoz do BNG en Pereiro, Rubén García, lamentou a intervención e subliñou que “esta masa arbórea non era un simple conxunto de árbores. Constituía o último refuxio de sombra, frescura e beleza paisaxística nun dos poucos espazos verdes urbanos que sobreviven á presión urbanística e á contaminación térmica da comarca”.
García insistiu ademais en que “desempeñaba funcións ambientais fundamentais como eran a protección acústica fronte ao ruído da estrada C-536, a regulación microclimática, a retención de po e carbono, servía como refuxio de avifauna e pequenos mamíferos e, sobor de todo, configurábase como un elemento característico dunha paisaxe que forma parte do imaxinario colectivo das e dos ourensás”.
A Xunta xustificou a actuación asegurando que se pretendía evitar riscos para os ciclistas polo levantamento das raíces. Con todo, desde o BNG rexeitan este argumento, ao considerar que “carece do máis mínimo rigor técnico, posto que as molestias que eventualmente puideran causar o levantamento das raíces poderían resolverse con distintas solucións moito menos lesivas, alternativas que se aplican en numerosos carrís bici e que evitan arrasar co patrimonio arbóreo”.
A formación sinala tamén ao Concello de Pereiro de Aguiar, xa que, segundo García, “non consta que houbese unha comunicación previa ou consulta nin ao Concello, nin a asociacións ecoloxistas nin aos colectivos veciñais, non constando tampouco a presentación de proxecto técnico, autorización ambiental ou expediente público que a xustifique”.
O BNG adianta que, se se confirma esta falta de información e tramitación, “estaríamos ante unha actuación arbitraria, carente de procedemento administrativo e, xa que logo, eventualmente ilegal”. Por este motivo, pedirán acceso ao expediente a través do seu grupo parlamentario no Pazo do Hórreo, ao tempo que solicitarán explicacións no Pleno do Concello.