O BNG de Vilamarín alerta dos “graves impactos ambientais” do proxecto eólico Agratina

OurenseXa
Desde a formación nacionalista, co apoio de 9 plataformas veciñais, fan un chamamento á presentación de alegacións ao proxecto antes do día nove de xullo
Breixo Fernández e Lucía González
Breixo Fernández e Lucía González
23 Jun 2025

O Grupo municipal do BNG de Vilamarín vén de presentar unha moción para manifestar o seu rexeitamento ao parque eólico Agratrina, actualmente en fase de exposición pública.
A iniciativa do BNG conta co apoio das plataformas Salvemos a Serra da Martiñá e Stop Eólicos A Limia – Xurés – Celanova, que coordinan accións informativas e de recollida de alegacións coa veciñanza.

A formación nacionalista alerta dos graves impactos ambientais así como do risco que supón para a fauna e dunha saturación eólica na zona, con ata 160 aeroxeradores previstos.

Tamén denuncian a instalación de aeroxeradores a menos de 300 metros de vivendas, afeccións ao Río Asma e un impacto visual severo que afectaría a máis do 65% do municipio. A moción lembra que un proxecto previo —Avoceta Wind— xa foi rexeitado cunha Declaración de Impacto Ambiental negativa.

Segundo explicou o Concelleiro do BNG, Breixo Fernández Baliño, “este proxecto non deixa beneficios no territorio e forma parte dun modelo depredador que pretende cubrir Galiza de muíños sen planificación nin respecto polo medio nin pola xente”.

O Concelleiro lembrou tamén que “o alcalde de Vilamarín (PP) expresou publicamente o seu rexeitamento ao proxecto na reunión informativa celebrada coas veciñas e veciños o pasado 13 de marzo”.

A campaña de alegacións está aberta á participación de toda a veciñanza e os modelos, explican, poden descargarse en formato editable nas redes sociais do BNG de Vilamarín e das plataformas convocantes.

⚙ Configurar cookies
0.1626980304718