O BNG de Xunqueira de Ambía acusa ao Goberno municipal de “deixadez” tras un incidente eléctrico

O BNG de Xunqueira de Ambía denunciou o pasado domingo que unha luz pública e parte do tendido eléctrico permanecían caídos cinco días despois dun accidente cun tractor.
Os nacionalistas explican que, desde o primeiro día, decidiron non difundir as imaxes nin alarmar á veciñanza para dar tempo ao goberno local a que interviñese. Porén, ao constatar que o domingo a incidencia seguía sen solucionarse, decidiron dar alerta. “Non estamos ante unha anécdota. Estamos ante deixadez, falta de resposta e un risco evidente para a seguridade da veciñanza”, sinalan os nacionalistas.
No seu comunicado, o BNG recalca que “cinco días cun tendido no chan. Cinco días mirando para outro lado. Hai cousas que non admiten espera. E a seguridade da veciñanza é unha delas. Máis, unha vez máis, as parroquias abandonadas, coma se fosen veciñas e veciños de segunda”. Para os nacionalistas, a veciñanza cumpriu avisando da situación, pero o que queda pendente é que “o goberno cumpra dunha vez”.