O BNG de Xunqueira de Ambía critica a modificación do regulamento de velorios

Denuncian que a nova ordenanza abre a porta á privatización dun servizo público esencial
sonia-vidal-lamas
Sonia Vidal Lamas, portavoz do BNG en Xunqueira de Ambía
11 Oct 2025

O BNG de Xunqueira de Ambía expresa a súa oposición á modificación do regulamento de velorios municipais ao considerar que presenta “importantes carencias”.

Segundo explican desde o grupo municipal, o novo texto aprobado polo Concello abre a porta á privatización dun servizo público esencial, como é o acompañamento ás familias no momento máis delicado. Ademais, impón “unha taxa fixa de 200 € sen bonificacións nin exencións sociais, penalizando ás familias con menos recursos”.

Outros aspectos cuestionados son a introdución de normas “pouco realistas”, que atribúen funcións de vixilancia “sen aclarar quen as exercerá nin con que cobertura legal”, e a prohibición de facer fotografías no interior, sen detallar como se aplicará nin se haberá sancións.

O BNG tamén critica que o regulamento mantén un “sesgo relixioso”, recoñecendo só actos confesionais e esquecendo as cerimonias civís, cada vez máis elixidas polos veciños e veciñas.

Desde o grupo nacionalista reclaman ao goberno municipal que modifique o regulamento para garantir “un servizo público, igualitario, realista e respectuoso coa diversidade da nosa veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.077322006225586