O BNG de Xunqueira de Ambía denuncia novos problemas no subministro de auga

O BNG de Xunqueira de Ambía vén de denunciar novos problemas na rede de abastecemento de auga do municipio, logo de rexistrarse varias fugas nas localidades de Busteliño, Merí, Salgueiros e Armariz o pasado 7 de xullo.
Segundo explican, a veciñanza continúa a sufrir cortes e interrupcións no servizo “debido á falta de investimentos e de planificación na rede de subministro”, unha situación que, aseguran, se repite cada ano sen solucións efectivas.
Desde o grupo nacionalista quixeron agradecer publicamente o traballo de todos os veciños e traballadores que segundo explican, mesmo de noite e sen medios axeitados, colaboraron para tentar reparar as avarías e restablecer o servizo.
Dende o BNG lembran que no último pleno municipal, os nacionalistas xa preguntaron polo estado da rede e polas actuacións previstas para mellorar a traída de auga, pero critican que a resposta do goberno local foi “vaga e sen compromisos claros”.
Os nacionalistas reclaman que os próximos orzamentos municipais inclúan partidas específicas para renovar os tramos máis problemáticos da rede, co obxectivo de garantir un servizo básico como é o da auga cun mínimo de calidade e continuidade.
“Xunqueira merece máis”, din. “Merece auga, dignidade e un concello que planifique e actúe con responsabilidade” conclúen desde o BNG.