O BNG de Xunqueira de Ambía denuncia o mal estado de varias zonas de paso no núcleo urbano

Dende a formación nacionalista esixen ao Concello “unha solución urxente para garantir a seguridade”
bng-xunqueira-vias-municipais-arqueta-aberta
Imaxes do BNG de Xunqueira de Ambía
7 Aug 2025

O BNG de Xunqueira de Ambía denuncia "enorme risco de accidente" que supón o deterioro de distintas beirarrúas e puntos de tránsito peonil no núcleo urbano da vila, especialmente en zonas moi utilizadas pola veciñanza, incluíndo persoas maiores, nenos e visitantes.

A formación nacionalista asegura que o mal estado das infraestruturas afecta a varios puntos clave, como o acceso ao Palacio, a zona de O Covelo, o Campo e a rúa Duque de Ahumada. Segundo indican, trátase de lugares de paso habitual tanto para a veciñanza como para peregrinos, turistas e usuarios de servizos básicos como a farmacia.

“Queremos denunciar publicamente a perigosidade que supón o mal estado das beirarrúas e lugares de paso que se ven nas imaxes”, sinalan. Así, destacan que á altura do Covelo hai “unha tapa rota e un burato aberto nunha zona moi transitada polos veciños e veciñas para pasea” o que din, “supón un risco enorme de accidente, sobre todo para persoas maiores, crianzas ou calquera persoa despistada”. Ademais, denuncian que “a entrada ao Palacio, paso obrigado para procesións, peregrinos e turistas e veciños que acceden ás súas casas ou aparcan nas inmediacións” tamén presenta un “preocupante” estado das tapas, que deriva nun “perigo de caídas ou danos, tanto para peóns como para vehículos”, e lembran que “o pasado sábado foron moitas as persoas que se achegaron a nós para avisarnos do risco que presenta este punto”.

Engaden que no Campo, “un espazo de convivencia, paso obrigado para ir á farmacia e xogo para nenos e nenas”, hai outra arqueta “sen tapa, chea de lixo, que representa un perigo moi serio para a seguridade dos máis pequenos”.

Por último, “e o máis preocupante”, advirten, “na rúa Duque de Ahumada, obsérvase que a beirarrúa está crebada e vencida, con evidentes sinais de deterioro estrutural”, na que se aprecia “unha parte afundida e rachada, con placas soltas e desniveladas”.

Dende o o BNG solicitan “unha solución urxente para garantir a seguridade de todas e todos e a sinalización do perigo de inmediato ata que se acometan as reparacións, eliminando os riscos de accidente en catro zonas tan utilizadas pola comunidade”.

⚙ Configurar cookies
0.14249491691589