O BNG de Xunqueira de Ambía pide a mellora e revisión dos parques infantís
O BNG de Xunqueira de Ambía vén de presentar unha moción na que esixe ao Goberno Municipal a mellora e revisión dos parques infantís do Concello.
Os nacionalistas instan ao executivo municipal a “considerar o número crecente de nenos e nenas no concello e a necesidade de garantir espazos de xogo axeitados e seguros para o seu recreo e desenvolvemento de maneira equitativa en todo o municipio”.
Ademais, solicitan que se realice un mantemento regular e exhaustivo de todos os parques e áreas de xogo existentes no municipio, “asegurando que se atopen en bo estado, libres de desperfectos e perigos potenciais”.
En definitiva, os nacionalistas piden que os parques do concello cumpran coa normativa vixente en Galicia, estando correctamente identificados e sinalizados, así como a realización das inspeccións periódicas para verificar o cumprimento das normas de seguridade nos elementos e espazos.