O BNG demanda a gratuidade da piscina termal das Burgas para a veciñanza de Ourense

OurenseXa
A formación nacionalista deferederá a xestión pública e directa das instalacións e un termalismo público e gratuíto para a veciñanza que o emprega de xeito habitual
Xosé Manuel Puga, Concelleiro do BNG no Concello de Ourense
Xosé Manuel Puga, concelleiro do BNG no Concello de Ourense
12 Jun 2025

Diante da convocatoria no día de onte dunha Xunta de Portavoces a celebrar este mesmo xoves e na que o Goberno Local pretende definir o modelo de xestión a empregar na Piscina Termal das Burgas, desde o Grupo municipal do BNG sinalan que “levamos cinco anos con estas instalacións pechadas, cinco anos nos que o Goberno Local arrastrou os pés continuamente, botando balóns fóra e amosando ter un nulo interese na súa reapertura e posta en valor”.

O Concelleiro nacionalista Xosé Manuel Puga, amosa igualmente a súa sorpresa diante da posibilidade de que a xestión sexa pública e directa por parte do Concello xa que, segundo sinala, “ao longo dos últimos meses, o Goberno Local sempre dixo que a única opción que contemplaba era a licitación de todo o Complexo Termal das Burgas para a súa explotación por parte dunha empresa privada” e engade, “non sabemos que aconteceu nas últimas semanas para que agora se produza este cambio, do cal en todo caso, aledámonos”.

E é que para o BNG está claro cal debe ser o modelo de xestión da Piscina Termal das Burgas. “Sempre defendimos a xestión directa mesmo coa creación dun Consorcio Termal e que o acceso ás instalacións sexa público e gratuíto para a veciñanza de Ourense e para aquelas persoas que empregan as instalacións de xeito habitual. A riqueza termal é patrimonio de todas as veciñas e os veciños de Ourense polo que temos dereito a poder disfrutar delas gratuitamente”.

Puga González matiza que “cousa distinta son aquelas persoas que nos visitan e que entendemos, deben contribuir ao seu mantemento e mellora polo que estamos dispostos a avaliar a posibilidade de que se estuden fórmulas para fixar un prezo xeral de acceso para todas e todos aqueles que veñen de turismo e que como xa dixemos, deben contribuir ao seu mantemento e mellora, algo que non é novidoso e que xa se fai noutros ámbitos e noutras cidades do país, do Estado e do mundo”.

Finalmente o Grupo municipal do BNG apremia ao Rexedor para que a Piscina Termal das Burgas abra ao público “de xeito urxente. Non son admisíbeis máis demoras polo que a solución ten que ser rápida e a súa implementación tamén”.

⚙ Configurar cookies
0.16540098190308