O BNG demanda á Xunta que reforce a atención psicolóxica infantil e xuvenil na provincia de Ourense

OurenseXa
Lembran que o Goberno galego prometeu en abril a implantación deste servizo na Área Sanitaria de Ourense
Noa Presas, deputada do BNG por Ourense
Noa Presas
21 Jan 2025

O BNG demanda á Xunta de Galicia  o reforzo da atención psicolóxica infantil e xuvenil na Área Sanitaria de Ourense incrementando medios e persoal, e denuncia “demoras de até seis meses para unha primeira consulta, agravada polo feito de que a Área Sanitaria de Ourense non dispón dunha unidade de hospitalización de saúde mental infanto-xuvenil”

Para a deputada por Ourense no Parlamento de Galiza Noa Presas, “a atención á saúde mental e a súa prestación ao longo do territorio con criterios de equidade, equilibrio territorial e social debera ser unha prioridade para o Goberno galego, porén, como temos denunciado reiteradamente desde o BNG, a realidade dista moito de ser así”.

Presas lembra que a anunciada implantación da prestación de Psicoloxía Clínica no nivel asistencial de Atención Primaria, prometida xa en abril de 2024, “é aínda só unha promesa, pese a que Galiza lidera a cifra de suicidios no Estado con 326 o último ano”.

Desde a formación nacionalista, sinalan que a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, “volve ter as peores listas de agarda hospitalaria de todo Galiza, destacando especialmente as que atinxen ao CHUO”, e engaden, “o propio Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, alertaba recentemente dos tempos de agarda, reclamando unha oferta asistencial clara e baseada en criterios de equidade territorial”.

Dos datos aportados, ao BNG chámanlle especialmente a atención os relativos á poboación infanto-xuvenil, sinalándose que as esperas para a primeira consulta de psicoloxía clínica sitúanse polo xeral entre os tres e os seis meses, cun horizonte temporal semellante para as seguintes consultas. No caso da Área Sanitaria de Ourense, o tempo de agarda para a primeira consulta atópase neste máximo nos seis meses e de tres para a seguinte consulta.

Para Noa Presas “esta situación é alarmante e o propio Colexio sinala que nesta etapa é chave a redución de tempos de espera debido ás necesidades relativas ao desenvolvemento e a calidade de vida dos rapaces e rapazas, así como a prevención de complicacións maiores no seu momento vital actual ou na vida adulta, xa que a infancia e a adolescencia, son etapas críticas no desenvolvemento.”

Tal e como enuncia Presas, “o feito de ter demoras de seis meses para unha primeira consulta agrávase se recordamos que a Área Sanitaria de Ourense ten amplas carencias nesta materia pois non dispomos dunha unidade de hospitalización de saúde mental infanto-xuvenil, que até o momento, só existe en Vigo e Santiago. A Esta situación súmanse outras carencias como as limitacións na atención pediátrica hospitalaria, reducida a mínimos e á lista de agarda de psiquiatría do CHUO, con 63,7 días e 1.253 pacientes agardando”.

0.1669750213623