O BNG denuncia a “nula vontade” do Goberno de Jácome no pagamento dos atrasos a Bombeiros e Policía Local

OurenseXa
Alertan dun informe de Intervención que revela que o Goberno local freou a tramitación urxente dun crédito de máis de 4 millóns de euros
Luis Seara e Erea Blanco, grupo municipal do BNG no Concello de Ourense
Luís Seara e Erea Blanco
4 Jun 2025

O Grupo municipal do BNG compareceu esta mañá en rolda de prensa para avaliar un dos expedientes que figuran na orde do día do Pleno ordinario que o Concello ten previsto celebrar este venres. Dito informe, correspondente á posta en coñecemento do informe anual relativo ás resolucións adoptadas contrarias aos reparos formulados ao longo do exercicio económico do 2024 non será sometido a debate, tratándose dunha mera dación de contas.

O Portavoz da formación nacionalista Luís Seara fixo referencia precisamente a este feito ao dicir que “o feito de que non sexa sometido a debate este informe non implica que a veciñanza no seu conxunto non teña dereito a coñecer algunhas das cousas que nel se din, que teñen certa transcendencia política e que ademais ratifican o que desde o BNG levamos moito tempo dicindo no que ten que ver coa xestión económica e o xeito de proceder do actual Goberno Local”.

De entre os 158 levantamentos de reparo e as 13 omisións da función de fiscalización, Seara referenciou que no mesmo fálase unha vez máis da contratación das luces de nadal e como esta realízase sistemáticamente sen contar co crédito necesario, as obras de contratación do Parque Coto de Canedo, sinalando que pese a terse aprobado unha modificación de crédito, a día 3 de xuño de 2025 o Concello aínda non dispón dos preto de 3 millos de euros para facer fronte aos pagamentos do presente exercicio así como o abuso que o Executivo de Jácome fai das atribucións temporais de funcións, excedendo mesmo os prazos establecidos na lexislación.

Outra das mencións de Seara foi relativa á redución das tarifas no transporte público “pois queda acreditado o que nós xa denunciamos no seu día, que o órgano competente para a toma desa decisión era o Pleno e non a Xunta de Goberno Local pero claro, Jácome quería ter en solitario esa baza pois el emprega a máxima de socializar os problemas pero atribuírse persoalmente os méritos aínda que, como neste caso, non lle correspondan”.

PAGAMENTO DE NÓMINAS

O Portavoz do BNG Luís Seara quixo deterse especialmente na parte do informe referida ao pagamento das nóminas ao persoal municipal. Seara dixo que “o non pagamento dos pluses de nocturnidade e festividade a Policía Local e Bombeiros en tempo e forma ao longo de todo este tempo non é, tal e como se dixo por parte do Goberno Local en diversas reunións, culpa da Intervención municipal”, e engade, “lembraredes que o ano pasado o Pleno tivo que posicionarse sobre un presunto, e digo presunto porque non era tal, reparo do Interventor sobre a existencia de crédito ou non, defendendo o Goberno que si existía, aínda que curiosamente uns días despois votábase unha modificación de crédito, a 5P/2024 por importe de 4.747.784,47 euros”.

“Nós xa dixemos daquela e sen ser adiviños que estabamos diante dunha manobra do Goberno para inflar a partida e poder, vía Decreto, dispor deses cartos no exercicio 2025 e o tempo vén de darnos a razón pois o último que lle preocupaba a Jácome era pagarlle a Bombeiros e Policía Local o que se lles adebeda xa que impediron que a tramitación da publicación no BOP da modificación de crédito 5P/2024 se fixese con carácter de urxencia, ordenado que esta se fixese a través da tramitación ordinaria”.

Para o Portavoz dos nacionalistas “este feito demostra que o Alcalde puido acelerar os trámites para pagarlle a Bombeiros e Policías e non o fixo por un cálculo estritamente político e partidario polo que queda acreditado que non é unha prioridade para el pagarlle aos empregados públicos o que se lles adebeda senón que estamos diante dun Goberno que incumpre a norma sistematicamente e que minte deliberadamente”.

⚙ Configurar cookies
0.16117715835571