O BNG denuncia o peche definitivo da unidade Post-Covid de Ourense

OurenseXa
Acusan á Xunta de “dinamitar a sanidade ourensá” e demandarán no Parlamento que se garanta unha atención “rápida, integral e multidisciplinar” para estes doentes
mobilizaciones-covid-persistente-chuo
Imaxe dunha mobilización a favor do mantemento da unidade Post-Covid de Ourense
15 Jan 2026

O BNG, a través da deputada nacionalista por Ourense no Pazo do Hórreo, Noa Presas, súmase á condena expresada pola Asociación de persoas enfermas de COVID persistente de Ourense que veñen de denunciar o peche definitivo do que foi a Unidade Multidisciplinar Post-COVID.

Un peche que, segundo afirmar dende o BNG, fíxose sen información previa nin comunicación oficial por parte da Xerencia e sen derivación formal ao seguimento sanitario ou de enfermaría en Atención Primaria. Neste sentido, os nacionalistas lembran que no ano 2025 recolléronse preto de 2.000 sinaturas reclamando o mantemento e reforzo deste servizo.

Unha medida que, para o BNG, confirma “a estratexia da Xunta do PP de dinamitar a sanidade ourensá”. Presas denuncia ademáis “un colapso absoluto nas Urxencias, 80 camas menos e avarías constantes, vemos como a Xunta aproveita para eliminar sen explicacións e sen diálogo coas persoas afectadas, unha unidade que era necesaria e sen buscar unha alternativa de coordinación interna para garantir que as e os doentes son atendidos, senón que os abandona absolutamente”.

Os nacionalistas lembran que a Unidade Multidisciplinar Post-Covid atendía as persoas que quedaron con secuelas graves na fase aguda das primeiras ondas da pandemia do Covid19, asi como tamén a aquelas diagnosticadas de Covid Persistente. Porén, explican, “no ano 2025 houbo numerosas protestas e recollidas de sinaturas e agora pretende culminar co peche, desta forma o SERGAS abandona definitivamente aos centos de pacientes vítimas da Covid para unha poboación de máis de 300.000 persoas se temos en conta as derivacións dos hospitais comarcais ao centro de referencia”.

Para a formación nacionalista “as desculpas do SERGAS son falsas e hoxe non hai garantida unha forma alternativa para axilizar o tratamento das persoas afectas e para garantir unha atención sanitaria integral e en equipo que poida blindar unha atención de forma coordinada e integral tendo en conta a complexidade da realidade destes doentes”.

Por iso, e ante esta situación o BNG anuncia que volverá a demandar no Parlamento que a Xunta garanta unha atención “rápida, integral e multidisciplinar” para as e os doentes de Covid persistente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, de forma que permita o diagnóstico e o acompañamento e tratamento do seu proceso de recuperación, acordando co persoal sanitario e cos colectivos de doentes a reorganización do servizo que viña prestando a unidade específica, dando prevalencia á súa recuperación e non suprimindo persoal nin servizos.

⚙ Configurar cookies
0.087385177612305