O BNG denuncia que a nova UCI do CHUO ten só 20 camas operativas

Noa Presas, deputada nacionalista por Ourense, denuncia “a manipulación do Presidente da Xunta” respecto do número real de camas UCI do CHUO logo das obras de renovación do Servizo. “Rueda veu a Ourense vendernos que había trinta camas operativas e unha ampliación cando a realidade é que despois de investir máis de dez millóns de euros hoxe non só non hai trinta camas, senón que hai menos que antes da pandemia, vinte camas onde antes había vinte e dúas operativas”.
O BNG acusa á Xunta do PP de “mentir e manipular a realidade, pois aínda que o propio Presidente da Xunta veu inaugurar a nova UCI e afirmar que había un aumento do 30% de camas con tres módulos con dez boxes cada un, isto non é certo e iso mesmo están a denunciar as e os traballadores do Servizo, que seguen arrastrando problemas de falta de persoal e de falta de previsión nos novos espazos porque hai unha Xerencia e unha Consellaría de Sanidade que non escoitan”.
Presas denuncia que “a Xunta manipula porque sabe que só hai vinte camas operativas como UCI e con persoal propio de UCI. A Xunta sabe perfectamente que a unidade 4ª dereita creada para as obras da fase dúas está desmantelada sen equipamento e sen preparación para abrir en caso de sobreaforo e que o espazo URPA que se abre cando se sobrepasa o aforo non pode considerarse tampouco como UCI e tal e como denuncian as e os traballadores non se abre co material axeitado para críticos, é só un parche”.
O BNG considera “inaceptable que despois de dez millóns de euros o resultado sexa ter menos camas para unha poboación de máis de 300.000 persoas, sendo ademais a máis avellentada do país”.
A formación nacionalista adianta que trasladará ao Parlamento Galego “iniciativas pedindo realizar as actuacións necesarias para facer real o número de ampliación de camas comprometidas, a ampliación do persoal necesario do Servizo de UCI e os recursos materiais necesarios, así como planificar adecuadamente as medidas de ampliación e reforzo en situacións de sobreaforo e saturación e que sexan acordadas cos traballadores e traballadoras dos servizos implicados”.