O BNG denuncia que a Xunta cedeu o Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén para actividades privadas

O BNG de Ourense denuncia o uso indebido do Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén, despois de que a Xunta de Galicia recoñecese que as instalacións foron cedidas para a práctica de xogos de combate con aire comprimido e bolas de pintura.
O deputado nacionalista Iago Tabarés considerou que a cesión constitúe unha “xestión ilexítima dos bens públicos”, xa que se fixo “ao marxe dos procedementos legalmente establecidos” e sen dar conta de quen foron os beneficiarios nin cantas veces se produciron estes usos.
O CILL foi inaugurado hai case dous anos tras un investimento de máis de 4 millóns de euros de fondos comunitarios. A súa finalidade, segundo destacou no seu día o presidente da Xunta, era converterse nun espazo de referencia na formación dos bombeiros forestais, tanto de Galicia como doutros países, incluíndo ademais aulas medioambientais para estudantes.
Segundo lembrou Tabarés, nas visitas parlamentarias ao centro informouse de que as instalacións poderían empregarse tamén puntualmente por unidades policiais, mais sempre con fins de adestramento e sen actividades de tiro, xa que o recinto non conta con espazos habilitados para iso.
O deputado do BNG insistiu en que o centro debe destinarse unicamente á formación e servizo público para os que foi creado e reclamou que non se abra a usos privados “incompatibles coa súa natureza”.