O BNG esixe a posta en marcha do transporte metropolitano de Ourense antes de 2027

OurenseXa
Denuncian a “parálise institucional” nun servizo clave para a mobilidade e piden á Xunta, ao Concello de Ourense e á Deputación que asuman os acordos xa adoptados para a súa implantación
María Mangana, Bernardo Varela, Xose Manuel Puga
13 Mar 2026

O grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de Ourense presentou esta mañá en rolda de prensa a moción que defenderá no vindeiro pleno da institución para impulsar a posta en marcha do transporte metropolitano da comarca de Ourense.

A iniciativa nacionalista insta á Xunta de Galicia, ao Concello de Ourense e á propia Deputación a asumir e desenvolver os acordos xa adoptados no seo do último comité técnico-político para a implantación do transporte metropolitano. Concretamente, demandan ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome que estude coa empresa concesionaria do servizo urbano a inclusión da extensión das liñas cara aos concellos da contorna, elaborando un novo mapa de liñas e frecuencias e cuantificando o impacto económico desta ampliación. Ao mesmo tempo, reclaman que os concellos beneficiados por esta extensión e a Deputación valoren a posibilidade de asumir a parte do incremento da facturación que lles corresponda.

Pola súa banda, piden que a Xunta analice a afección destas modificacións sobre as liñas interurbanas da súa competencia para avaliar a súa viabilidade técnica, xurídica e económica. Finalmente, o Bloque solicita que as tres administracións implicadas adquiran o compromiso político de que o transporte metropolitano da comarca de Ourense se poña en marcha antes de rematar o actual mandato.

Así o explicaron os nacionalistas esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron o voceiro provincial do BNG, Bernardo Varela, xunto cos deputados María Mangana e Xosé Manuel Puga, quen advertiron de que a falta de avances neste proxecto “evidencia unha nova situación de parálise institucional nun servizo clave para a mobilidade e a cohesión territorial da comarca”.

Varela lembrou que a implantación dun sistema de transporte metropolitano é unha demanda histórica da comarca que leva décadas sobre a mesa. O voceiro remontouse ao ano 2024, cando se constituíu o comité técnico-político para impulsar este servizo, no que participan a Xunta de Galicia, a Deputación, o Concello de Ourense e os concellos da contorna.

Nesta primeira reunión, celebrada o 20 de novembro dese ano, acordouse avanzar na extensión das liñas do transporte urbano da cidade cara aos municipios limítrofes, así como analizar as vías de financiamento necesarias para facer realidade o servizo.
Porén, máis dun ano despois daqueles acordos, os nacionalistas denuncian que non se produciron avances reais. “Estamos xa en marzo de 2026 e a cidadanía non percibe ningún paso adiante. As preguntas que temos formulado nas distintas institucións non obtiveron resposta ou recibiron contestacións contraditorias”, sinalou Varela, quen lembrou que o BNG solicitou formalmente en outubro de 2025 a convocatoria dunha nova reunión do comité técnico-político para coñecer o grao de cumprimento dos acordos, sen obter resposta ata o momento.

Pola súa banda, o deputado provincial Xosé Manuel Puga advirte de que o proxecto quedou bloqueado tras a última reunión do comité celebrada en abril de 2025. Naquela xuntanza, explica, acordouse que o Concello de Ourense debía definir os puntos de extensión das liñas do transporte urbano cara aos concellos da área metropolitana e elaborar un novo mapa de liñas e frecuencias, un estudo que permitiría calcular o custo do servizo para que a Deputación e os concellos implicados valorasen a súa participación económica.

Pero este traballo, denuncia, “non se fixo ou, polo menos, non se facilitou información ao respecto”. De feito, a única referencia coñecida é unha estimación verbal trasladada polo alcalde de Ourense ao presidente da Deputación que situaría o custo anual do servizo arredor dos dous millóns de euros. “Non existe ningún documento oficial que concrete esa cifra nin que permita planificar a posta en marcha do sistema”, afirmou.

Ademais, fixo fincapé no papal “fundamental” do Goberno neste proceso, xa que moitas das liñas de transporte interurbano da contorna están concesionadas pola administración autonómica. Segundo explicou, o acordo do comité técnico establecía que a Xunta debía negociar coas empresas concesionarias, entre elas Monbus, Alsa e Gavilanes, a reestruturación das rutas actuais para adaptalas ao novo modelo de transporte metropolitano. “Preguntamos se se fixeron esas xestións e non obtivemos resposta nin documentación algunha”, afea o deputado.

Para o BNG, esta falta de coordinación e transparencia entre as distintas administracións está a atrasar un proxecto que resulta estratéxico para a comarca de Ourense, xa que consideran que a posta en marcha do transporte metropolitano non é só unha cuestión de mobilidade, senón tamén de equilibrio territorial, cohesión social e dinamización económica, ao permitir unha mellor conexión entre a cidade e os concellos da súa área de influencia e facilitar o acceso ao emprego, aos servizos públicos e á actividade comercial.

Unha necesidade que, segundo o BNG, increméntase pola situación actual da mobilidade na cidade de Ourense, marcada polo incremento das dificultades de tráfico e estacionamento logo de medidas como a supresión da ORA ou mesmo os cambios nas liñas de autobuses promovidas polo Goberno de Pérez Jácome e que suscitaron numerosas críticas nas filas nacionalistas. “Se queremos unha cidade máis ordenada e sostible, precisamos alternativas reais ao uso do vehículo privado, e o transporte metropolitano é unha peza fundamental desa solución”, afirmou.

O proxecto do transporte metropolitano, insisten dende o BNG, leva “máis dunha década de anuncios e promesas sen resultados, e responsabilizou desta situación ás administracións gobernadas polo Partido Popular e por Democracia Ourensana”. Por iso, aseguran que seguirán iniciativas institucionais “para que o transporte metropolitano deixe de ser unha promesa reiterada e se converta nun servizo real ao alcance da veciñanza da comarca de Ourense antes de que remate o actual mandato”.

0.1268789768219