O BNG esixe unha solución ante a “inseguridade viaria” na parroquia de Mourillós tras a obras da AG-31

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento de Galicia, Iago Tabarés e a concelleira do BNG de Celanova, Ernesta Seoane, mantiveron unha reunión coa veciñanza da parroquia de Mourillós, no concello de Celanova, afectada polas consecuencias da construción do enlace da autovía AG-31. Denuncian que os traballos deixaron dividida a parroquia e á veciñanza e sen os pasos seguros de comunicación, existentes até a construción desta infraestrutura.
Durante a visita, Tabarés recolleu as denuncias dos veciños e veciñas, que manifestaron estar divididos pola infraestrutura, sen unha alternativa segura para cruzar entre as dúas beiras da parroquia. A veciñanza, explican dende o BNG, vén reclamando a restauración dun paso entre O Val e o resto da Parroquia desde fai máis dunha década.
A única opción existente na actualidade para pasar dun lado a outro, , sinalan os nacionalistas, é atravesando unha rotonda no enlace da autovía, o que supón “un punto de perigo constante para crianzas, persoas maiores e para veciñanza en xeral”. Antes, din, existían tres pasos e despois da obras quedaron sen ningún tipo de comunicación, salvo atravesando esta rotonda no enlace da autovía.
Desde o BNG comprometéronse coa veciñanza a levar este problema ao Parlamento Galego e ao Concello para esixir á Xunta de Galicia a reconexión entre o lugar do Val e o resto de lugares da parroquia de Mourillós, coa conexión dun paso entre O Val e a Devesa.