O BNG insta á Xunta a aplicar medidas tras a agresión sufrida por unha traballadora do CHUO

A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, transmitiu en nome da organización a súa “condena e repulsa pola agresión a unha médica ocorrida nas urxencias do CHUO na madrugada do domingo” e expresou a súa “solidariedade coa agredida e por extensión co persoal do centro”.
O BNG advertiu que “non se pode reaccionar con indiferencia ante esta situación nin ante o feito de que o ano 2024 batese un récord de agresións en Galiza tal e como se facía público con motivo da celebración, o pasado 12 de marzo, do Día europeo contra as agresións a persoal médico e profesionais sanitarios, o Observatorio Contra as Agresións da Organización Médica Colexial (OMC)”.
Por estes motivos, a formación nacionalista demanda “reacción por parte da Xunta e que sente a falar co persoal para aplicar de inmediato os reforzos, medidas e protocolos necesarios, tal e como están demandando publicamente, pois é unha falta de dilixencia por parte da Consellaría que non estean os traballos rematados debidamente e que se contribúa á sensación de inseguridade por parte da cidadanía e dos profesionais”.
Neste sentido, o Grupo Parlamentario do BNG presentou unha batería de iniciativas no Parlamento Galego na que insta á Xunta a “constituír de forma inmediata unha mesa de traballo coa participación da Consellaría, da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, a Comisión de Centro do CHUO, Colexios profesionais e Organizacións sindicais e de pacientes para abordar a adopción de medidas extraordinarias, incluído o reforzo de persoal, na Área e singularmente no servizo de urxencias así como poñer en marcha os protocolos necesarios e promover a súa difusión e coñecemento”.