O BNG insta á Xunta a intervir para reabrir a Praza de Abastos de Ourense

O BNG de Ourense reclama á Xunta de Galicia que asuma un papel activo para desbloquear a situación da Praza de Abastos nº1 da cidade e facilitar a súa posta en funcionamento. A formación nacionalista entende que é preciso que o Goberno galego impulse as actuacións necesarias non só para reabrir o edificio, senón tamén para mellorar a accesibilidade, acondicionar comercialmente o exterior e completar a urbanización da contorna.
Os nacionalistas lembran que o auto do 24 de setembro de 2025 do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº2 de Ourense desestimou as medidas cautelares solicitadas pola concesionaria da Praza de Abastos, abrindo, ao seu xuízo, un novo escenario. Nese contexto, o deputado do BNG por Ourense no Parlamento de Galicia, Iago Tabarés, advertiu que “a incapacidade para a xestión dos recursos públicos por parte do Concello de Ourense non pode seguir prexudicando o desenvolvemento económico e social da cidade e comarca, privando á cidadanía de espazos públicos, polo que a Xunta de Galiza debe implicarse activamente na adopción e execución das medidas necesarias para a posta en funcionamento da Praza de Abastos, e na adaptación e acondicionamento da súa contorna, de conformidade co previsto hai varios lustros”.
Tabarés tamén puxo o acento na situación actual do inmoble. Segundo explicou, “logo de investir millóns de euros de recursos públicos e dunha nefasta xestión por parte do Goberno local e coa reforma exterior do edificio practicamente concluída, defectos na execución do proxecto e a ausencia de previsións e actuacións no interior para acomodalo ao destino previsto fai que a infraestrutura siga pechada, sen poder ser usada, e que as comerciantes, contra a súa vontade, continúen a desenvolver a súa actividade na Alameda, un dos poucos espazos verdes de lecer cos que aínda conta a cidade de Ourense”.
O BNG lembra que o auto xudicial establece que sexan as praceiras e praceiros “quen deba presentar un proxecto de adaptación interior, fixando as características dos postos e as necesidades e condicións de cada un deles en canto a instalacións eléctricas, medidas de seguridade, hixiene ou accesibilidade, mais todo sen prexulgar a quen corresponderá o financiamento e execución dese proxecto de adaptación”. Neste punto, os nacionalistas consideran que esta circunstancia require un impulso decidido por parte da Xunta.
Desde o BNG insisten en que o executivo autonómico xa manifestou en varias ocasións a súa disposición a colaborar economicamente coa redacción e execución dos traballos. Por iso, defenden que agora “entendemos necesario que a Xunta impulse as actuacións necesarias para a entrada en funcionamento da Praza de Abastos así como a mellora da súa accesibilidade, o acondicionamento comercial do exterior e a urbanización da contorna consonte ao proxectado no seu día para que o traslado se realice o antes posible”.