O BNG leva ao pleno da Deputación de Ourense unha moción en defensa do agro fronte ao acordo UE-Mercosur e os recortes da PAC

O BNG presentou unha moción para debatir no pleno da Deputación de Ourense coa que pretende amosar apoio ás reivindicacións do sector agrogandeiro galego e, en particular, do ourensán. O portavoz nacionalista na institución provincial, Bernardo Varela, defendeu que o sector “non precisa mans polo lombo nin falsas promesas, precisa accións políticas decididas”, e instou a que as administracións se impliquen “con claridade” na defensa do campo nunha provincia que, segundo advertiu, depende social e economicamente desta actividade.
A iniciativa foi dada a coñecer nunha rolda de prensa na que Varela estivo acompañado por deputadas e deputados provinciais do BNG, pola deputada no Parlamento galego Sonia Vidal e por representantes municipais, entre eles o alcalde de Verea, Xosé Antonio Pérez Valado, o alcalde de Vilar de Santos, Marcos Nogueiras, e a tenente de alcalde de Maceda, Begoña Conde. O grupo nacionalista explicou que trasladará a proposta tamén aos concellos para estender a presión institucional en apoio ao sector.
O texto insta a Deputación a posicionarse contra o acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur, ao considerar que pode ter “graves repercusións” pola entrada de produtos agrarios de América do Sur, con especial impacto no avícola e na carne de vacún. Varela sostén que o pacto permitiría a entrada dun volume de carne “semellante á produción anual de Galiza” sen cumprir (segundo o BNG) os mesmos requisitos que se lle esixen á gandería galega, o que xeraría competencia desleal e poría en risco explotacións familiares.
A moción tamén expresa rexeitamento á proposta da Comisión Europea de recortar en máis dun 22% os fondos da Política Agraria Común para o período 2028-2034. O BNG cualifica o recorte de “inaceptábel” e avisa dun impacto especialmente duro en Galiza. Entre as súas demandas figura que a nova PAC conte con maior financiamento e cun reparto que priorice as pequenas explotacións, a permanencia no territorio, a loita contra o despoboamento e a remuda xeracional.
Outro dos eixos do texto céntrase na sanidade animal, ante a ameaza da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC). Varela alertou de que a chegada desta enfermidade ao Estado sitúa a gandería galega nun escenario de “alto risco” e reclamou prevención e detección precoz para evitar consecuencias económicas graves. O BNG pide á Xunta a implantación inmediata dunha vacinación gratuíta contra a DNC e indemnizacións “xustas e actualizadas” no caso de sacrificio de animais, acordes aos prezos de mercado.
A proposta inclúe ademais unha crítica á Lei da Cadea Alimentar e defende un marco galego de negociación de prezos, así como medidas para reducir a carga burocrática das explotacións e adaptar a aplicación da PAC á realidade galega con criterios unificados entre administracións. Por último, o BNG lembra que o acordo UE-Mercosur terá que ser ratificado polo Parlamento Europeo e chama a que os representantes políticos expresen o seu rexeitamento “co voto” para frear o pacto.