O BNG Ourense celebrou un acto na praza das Mercedes en Ourense para conmemorar o Día da Patria 2025

OurenseXa
A formación nacionalista reivindicou en Ourense o seu compromiso “coa soberanía, a xustiza social e a esperanza dun futuro mellor para Galiza” nos actos previos ao Día dee Galicia de 2025
bng-ourense-dia-de-galicia
18 Jul 2025

O BNG de Ourense celebrou este xoves un acto na praza das Mercedes para conmemorar o Día da Patria 2025. Os nacionalistas salientaron o papel fundamental do nacionalismo galego como motor de cambio político, social e institucional en Galicia. Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso; Luís Seara, portavoz municipal do BNG no Concello de Ourense; e Noa Presas, deputada do BNG no Parlamento galego, coincidiron en destacar o avance sostido do proxecto nacionalista e a súa capacidade para construír unha alternativa seria, honesta e con visión de futuro.

No acto celebrado en Ourense, Néstor Rego puxo en valor a traxectoria limpa do BNG fronte aos escándalos que lastran a política estatal, e destacou a confianza crecente da cidadanía no nacionalismo galego. “O BNG representa o motor dun cambio necesario e profundo no noso País. Apostamos por construír unha Galiza soberana e con futuro, capaz de aproveitar os seus recursos e garantir o benestar da súa xente”, afirmou. Rego subliñou tamén o compromiso da organización coa fiscalización do Goberno estatal para que se cumpran os acordos de investidura, advertindo que “non seremos cómplices dun executivo da dereita nin da ultradereita, nin tampouco aceptaremos incumprimentos nin inacción. O goberno debe respectar os acordos, cumprilos e responder ante a Galiza”. O deputado destacou tamén que o apoio crecente ao BNG “permitirá afrontar novos obxectivos, como ampliar a nosa presenza nos concellos e mesmo aspirar a liderar o Goberno galego”.

Pola súa banda, Luís Seara puxo o foco no papel histórico do BNG como instrumento ao servizo do País, lembrando ás persoas que, ao longo das décadas, entregaron a súa vida á causa da emancipación nacional. “Galiza non se explicaría sen o BNG”, afirmou. Seara apelou á forza da colectividade como clave para avanzar: “Cada persoa que sumamos afortala a nosa causa. É preciso incorporar a este proxecto a todas as persoas que comparten o desexo dunha Galiza viva, forte, xusta e con futuro”. No seu discurso, evocou tamén a memoria e o agradecemento ás xeracións que loitaron antes, e sinalou que o BNG “segue a facer historia”.

Noa Presas, no seu discurso con motivo do Día da Patria, fixo un chamado á organización, á mobilización e á responsabilidade colectiva diante da preocupación crecente polo avance da extrema dereita, o machismo, a desigualdade e a privatización de servizos públicos. “Ante toda esa preocupación temos unha responsabilidade colectiva: o nacionalismo galego é hoxe a esperanza de Galiza”, declarou. Presas alertou tamén sobre a situación da sanidade pública, denunciando que “o mesmo SERGAS que quere poñernos ás mulleres a parir entre cortinas acaba de desviar máis de medio millón de euros para a sanidade privada de Ourense”. Presas tamén reivindicou a memoria histórica do nacionalismo, lembrando figuras como Moncho Reboiras, do que se cumpren cincuenta anos do seu asasinato e do que afirmou que “deixou semente de vencer e que deixou memoria” e tamén denunciou o legado corrupto e españolista do réxime do 78. “Nós non esquecemos. Onte, hoxe e sempre, as soberanistas galegas en pé fronte ao fascismo”, proclamou.

A deputada rematou o seu discurso apelando a fortalecer a organización nos espazos sociais e políticos: “Para facer real aquilo de Castelao de ‘converter os anceios en realidades’, hai que fortalecer o BNG, seguir sumando pasos e persoas na defensa do dereito a decidir”.

No conxunto das intervencións destacou a vontade do BNG de seguir liderando a esperanza política de Galiza cun proxecto colectivo, soberanista e transformador, comprometido co País e coas maiorías sociais.

⚙ Configurar cookies
0.15684509277344