O BNG pide á Deputación de Ourense que retire os fondos destinados a La Vuelta Ciclista pola participación do equipo israelí

O Grupo Provincial do BNG na Deputación de Ourense presentou unha iniciativa para que se retire de inmediato o financiamento público á Vuelta Ciclista, en protesta pola presenza dun equipo pertencente ao Estado de Israel.
A formación nacionalista considera “inadmisible” que un evento deportivo de tanta repercusión como a Vuelta Ciclista “contribúa a branquear a imaxe dun Estado responsábel de crimes contra a humanidade”. Desde o BNG insisten en que non se pode continuar coa normalidade social e deportiva mentres “milleiros de persoas inocentes sofren unha masacre retransmitida en directo polas propias vítimas, e por centos de xornalistas que se converteron en obxectivo militar dos militares sionistas”.
O grupo provincial denuncia a presenza de equipos israelís “vulnera os valores do deporte, como a convivencia, o respecto, a solidariedade e o xogo limpo”, ao ser instrumentalizados “para dar unha aparencia de normalidade mentres continúan asasinando impunemente”. Recordan ademais que o propietario da escuadra ciclista israelí declarou publicamente que a formación funciona como unha maquinaria de propaganda política.
Consideran que “as institucións públicas deben actuar con coherencia e situarse do lado das vítimas, evitando que os recursos públicos galegos poidan servir para lexitimar ou apoiar a Estados implicados en graves violacións dos dereitos humanos”.
Por iso, a iniciativa inclúe tamén unha petición para que a Deputación inste aos concellos da provincia a retirar calquera tipo de patrocinio, apoio económico ou colaboración institucional coa Vuelta Ciclista mentres continúe a participación de equipos vinculados a Israel.
“O noso deber democrático e humano é claro: non se pode actuar como se nada pasase mentres se perpetra un xenocidio. A defensa da paz e a liberdade para Palestina, da xustiza e dos dereitos humanos debe estar por riba de calquera interese económico ou deportivo”, rematan os nacionalistas.