O BNG pide á Deputación de Ourense que se posicione e condene o xenocidio contra o pobo palestino

OurenseXa
A proposta contempla a prohibición de contratos públicos con empresas vinculadas ao Estado de Israel, o rexeitamento a participar en actos que “branqueen o sionismo” e a renuncia a manter relación institucional con organismos israelís
Xosé Manuel Puga, Bernardo Varela, María Mangana
24 Sep 2025

O grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego levará ao Pleno da Deputación deste venres unha moción na que reclama a condena das accións de Israel en Palestina, ás que cualifica de “xenocidio”.

O portavoz nacionalista, Bernardo Varela, explicou que o seu grupo pretende que a institución provincial adopte unha posición clara de denuncia. “Chamamos ás cousas polo seu nome: o Estado sionista está a perpetrar un xenocidio en Palestina”, di o voceiro. Tamén advertiu que “non podemos mirar cara outro lado mentres continúa un xenocidio que deixou xa decenas de milleiros de mortos e millóns de persoas desprazadas”.
A proposta contempla, entre outras medidas, a prohibición de contratos públicos con empresas vinculadas ao Estado de Israel, o rexeitamento a participar en actos que “branqueen o sionismo” e a renuncia a manter relación institucional con organismos israelís.

O texto inclúe ademais un chamamento ao Goberno central para que estableza un embargo militar a Israel, prohibindo tanto a venda como o tránsito de armas, así como a colaboración co Tribunal Penal Internacional na persecución de crimes de guerra.
O BNG tamén aposta pola adhesión da Deputación á campaña internacional Boicot, Desinvestimentos e Sancións (BDS), o apoio aos proxectos de cooperación galega na Faixa de Gaza e a solidariedade con quen denuncia publicamente a situación do pobo palestino.

Segundo Varela, máis de sete décadas despois da creación do Estado de Israel, “a ocupación sionista segue a negar os dereitos políticos, nacionais e humanos do pobo palestino”.

Lembrou que informes das Nacións Unidas falan dun “xenocidio en curso” que se reflicte no asasinato de civís, incluídos máis de 18.000 nenos, o desprazamento de dous millóns de persoas e a destrución de cidades enteiras, hospitais e áreas humanitarias. “Falamos dunha magnitude de dor que afectou xa a unha poboación equivalente á de toda Galiza: morta, ferida ou desprazada forzosamente”, subliñou.

O nacionalista defendeu que a moción tamén responde á tradición galega de solidariedade internacional. “A dignidade do noso país demostrouse nas rúas e nas accións colectivas que, como a paralización da ‘Vuelta’ ciclista, denunciaron o branqueamento do sionismo. Agora é a Deputación quen debe estar á altura dese clamor popular”, afirmou.

Finalmente, Varela acusou ao Partido Popular de manter unha actitude “negacionista” e de contribuír ao “branqueamento das políticas criminais de Israel”. E concluíu: “É o momento de que as institucións galegas dean un paso á fronte e se sitúen xunto ao pobo palestino e ao clamor popular de solidariedade que en Galiza enche as rúas”.

⚙ Configurar cookies
0.10705399513245