O BNG pide ao goberno de Jácome que tome medidas ante o peche das oficinas bancarias da cidade

Desde hai algunhas semanas, a sucursal do Banco Santander na rúa do Progreso 31, ao carón do Xardín do Posío, está pechada, téndose que desprazar a veciñanza da zona á situada na Avenida de Zamora. Este peche causou un fondo malestar entre as veciñas e veciños da zona así como entre os negocios da contorna. O Grupo municipal do BNG quixo denunciar o peche da mesma co despregamento dun vinilo na propia oficina e no que baixo o lema “oficina pechada por exceso de beneficios” cuestionan a decisión e esixen a súa reapertura.
O Portavoz Municipal dos nacionalistas Luís Seara sinala que “ao longo dos últimos anos, gota a gota, estase producindo un fenómeno que se denomina deserto bancario, que consiste no peche de oficinas non só nas cidades, senón tamén no rural e que ten un impacto moi importante na veciñanza, sobre de todo, na de maior idade”.
Segundo Seara, o impulso da dixitalización está a provocar o peche de oficinas bancarias e citou os casos da Ponte, ou da Carballeira, onde “pretendeuse pechar unha oficina de Abanca e grazas á mobilización da veciñanza e tamén á do BNG, conseguimos que dito peche non se producira” e engade, “no caso desta oficina do Posío, o seu peche está a provocar a exclusión financeira dunha parte da sociedade que non ten coñecementos tecnolóxicos dabondo”.
“Pero mentres se pechan oficinas, os bancos están tendo beneficios inmensos. Para facerse unha idea, o Santander no ano 2024 obtivo máis de 12 mil millóns de euros de beneficio, no primeiro trimestre do ano 2025 leva máis de 3.400 millóns de euros, e no caso de Abanca, obtivo máis de 220 millóns de euros de beneficio no que vai do primeiro trimestre do ano 2025, o que supón case un 40% máis que no mesmo período do ano anterior”.
O BNG denuncia tamén a pasividade do Goberno Local á hora de tentar impedir o peche de oficinas bancarias e en consecuencia, da perda de servizos por parte da veciñanza, “o Goberno Local, co Alcalde á cabeza, nin se ocupa, nin se preocupa de que esto estea acontecendo e que polo tanto de que quede excluída boa parte da sociedade de Ourense, especialmente aqueles que teñen máis dificultades para acceder á banca electrónica”.
“Desde o BNG imos seguir demandando, a través dos nosos representantes no Parlamento galego e no Congreso e no Senado, que non se pechen sucursais e imos seguir denunciando o máis mínimo intento de pechalas, imos estar aí, na rúa, cos veciños e coas veciñas para evitar que iso se produza”.