O BNG pide dividir en tres expedientes a modificación de crédito de 25.732.660 millóns proposta polo goberno de Jácome

OurenseXa
Propoñen que un primeiro expediente inclúa as actuacións en materia de infraestruturas, outro agrupe subministracións e traballos de planeamento, e un terceiro contemple a execución de sentenzas xudiciais e os intereses de demora correspondentes
Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco
BNG de Ourense
12 Sep 2025

O grupo municipal do BNG solicitou ao Goberno Local que fraccione a modificación de crédito de 25.732.660,98 euros en tres expedientes distintos, evitando así que todas as partidas se sometan a votación en bloque. A proposta trasladouse este venres durante a Xunta de Portavoces, despois de que os nacionalistas analizaran a proposta, aínda que sen ter acceso completo aos expedientes.

O portavoz do BNG, Luís Seara, explicou que “estamos diante dunha proposta na que figuran actuacións importantes en materia de infraestruturas coas que podemos coincidir en canto a súa necesidade mais nesta modificación figuran tamén outros expedientes cos que non concordamos, sobor de todo, por como se xestionaron ao longo dos últimos anos“. Por iso, a formación considera que dividir a modificación en varios expedientes permitirá debater e votar de maneira máis clara cada un deles. “Consideramos moito máis acaído poder debater e, especialmente, poder votar por separado cuestións que nada teñen que ver entre si. O Alcalde ten que comprender o noso posicionamento pois é o mesmo que el mantiña cando estaba na Oposición e denunciaba continuamente as modificacións en lote”, engadiu Seara.

O BNG propón que un primeiro expediente inclúa as actuacións en materia de infraestruturas, outro agrupe subministracións e traballos de planeamento, e un terceiro contemple a execución de sentenzas xudiciais e os intereses de demora correspondentes. A formación advirte que se “o alcalde ten verdadeira vontade de acadar consenso nesta modificación, non terá ningún problema en separala en varios expediente distintos”.

Durante a reunión, os nacionalistas tamén reclamaron un aprazamento na entrada en vigor do novo mapa de liñas de transporte e subliñaron a necesidade de abordar a implementación con maior “rigor e seriedade”. Ademais, Seara aproveitou para insistir na gratuidad universal do transporte público, logrando do alcalde o compromiso de “comezar a traballar xa na súa implementación á maior brevidade posible”.

⚙ Configurar cookies
0.18737316131592