O BNG pide dotar de estrutura e recursos á Mesa Provincial de Incendios e avanzar cara a un novo modelo de prevención

O grupo provincial do BNG propón que a recentemente creada Mesa Provincial de Incendios dispoña dunha estrutura estable, planificación clara e recursos suficientes para converterse nunha ferramenta eficaz de prevención e desenvolvemento rural.
Nunha rolda de prensa celebrada este xoves, os deputados nacionalistas Bernardo Varela, María Mangana e Xosé Manuel Puga explicaron as súas prioridades neste novo espazo de traballo impulsado pola Deputación de Ourense a proposta do BNG. O portavoz, Bernardo Varela, sinalou que o Bloque chega “con vontade construtiva, propostas concretas e a esixencia de que este novo espazo de traballo teña resultados visibles antes de rematar o ano”, subliñando que “non se trata só de apagar lumes, senón de planificar o territorio e reactivar o rural para evitar seguir queimando o noso futuro”.
Varela reclamou que a Mesa conte cun funcionamento real e efectivo: que se concrete quen a integrará, se definan as persoas técnicas e entidades participantes e se estableza un calendario de traballo que permita obter conclusións e medidas concretas antes do 31 de decembro de 2025. “A Mesa de Incendios non pode ser un foro retórico, senón unha ferramenta útil, con obxectivos claros, calendario definido e participación real de todos os sectores implicados”, advertiu.
O portavoz do BNG tamén reclamou medidas urxentes de restauración e compensación polos danos causados polos incendios, pedindo que as axudas cheguen con “burocracia cero, con axudas directas ás persoas e entidades afectadas” e que inclúan o lucro cesante das actividades económicas danadas.
Os nacionalistas propoñen aproveitar esta nova etapa para impulsar un modelo de desenvolvemento rural sostible, que combine prevención, ordenación do territorio e creación de emprego verde. Entre as medidas, o BNG defende activar o Banco de Terras para mobilizar fincas abandonadas, poñer en marcha un Plan de Emprego Verde dotado con 50 millóns de euros e reforzar a xestión da interface urbano-forestal para mellorar a prevención nas faixas secundarias e nos núcleos de poboación.
Varela insistiu tamén na necesidade de profesionalizar e estabilizar o dispositivo de prevención e extinción, rematando coas tarefas de extinción das brigadas municipais, que deberían centrarse exclusivamente na prevención. “Cómpre un dispositivo profesional, estable e ben formado, con capacidade real de resposta e coordinación”, afirmou.
O BNG levará á mesa a proposta de crear comités forestais por distrito, con participación das comunidades de montes e do tecido social e económico local, para adaptar as políticas de prevención a cada territorio.
Varela concluíu que “é imprescindible cambiar de modelo e ten existir un consenso neste punto, e agardamos que así sexa”, engadindo que a Deputación “ten que tratar coa importancia que merece esta mesa”.
Segundo o BNG, o obxectivo é claro: que Ourense deixe de ser “cada verán o epicentro dos incendios de Galiza” e se avance cara a unha provincia “planificada, con recursos e compromiso colectivo”.