O BNG pide explicación ao Goberno Municipal polos movementos de terra na parcela do antigo matadoiro municipal

O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense denuncia que “desde hai algúns días, pódese apreciar na parcela ocupada até hai uns anos polo Matadoiro Municipal, ao carón do cemiterio das Caldas, un ir e vir constante de camións cargados con terra que depositan na mesma”. Os recheos, din, “permiten albiscar unha gran explanada desde a N-120”, pero os nacionalistas advirten de que “a situación é moi diferente desde a rúa situada na parte posterior da parcela, a que da acceso ao Parque de Bombeiros, ao Campo da feira, a varias dependencias municipais existentes na zona, vivendas e mesmo aos accesos á zona termal da Chavasqueira”.
Explican que a elevada acumulación de terra está provocando na citada parte inferior unha pendente de considerables dimensións. O Portavoz nacionalista Luís Seara sinala que “xa teñen sido varias as veciñas e veciños que nos alertan destes traballos pois entenden que os mesmos supoñen un risco evidente” e engade, “no caso de que se produza unha forte treboada ou a caída de chuvias moi intensas, o risco de escorregamento de toda esta terra cara o Parque de Bombeiros, as instalacións municipais, as vivendas existentes na zona ou mesmo os accesos á zona termal da Chavasqueira poden provocar unha desgraza que logo teñamos que lamentar”.
Dada a situación, Seara adianta que “pedirémoslle explicacións ao Goberno Local para que informe sobre os traballos que se están levando a cabo nesa parcela e a que obedecen e en todo caso a que se adopten as medidas de seguridade precisas que eviten que se poida producir un incidente de graves consecuencias”.