O BNG pide explicacións á Xunta de Galicia polas obras no Centro de crise 24 horas

A deputada nacionalista por Ourense Noa Presas e o deputado Iago Tabarés rexistraron iniciativas no Parlamento galego sobre a situación do Centro de crise 24 horas para a atención ás vítimas de violencia sexual que a Xunta abriu en decembro de 2024 dentro do Punto de Atención Continuada da rúa Concello para cumprir a Lei 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual, coñecida como Lei do si é si.
Presas lembra que “a apertura destes Centros de crise comezou mal porque a Xunta de Galiza decidiu privatizalos e adxudicar unha concesión millonaria a Eulen e OHL, empresas multiservizo amigas do Partido Popular, no lugar de ofrecer o servizo de forma pública e directa a través do persoal de sanidade e política social”.
Ademais, afirma que “agora sabemos que en maio, o Goberno fixo unha modificación de crédito por valor de 50.000 euros coa finalidade de realizar obras de reforma no Centro de Crise 24 horas de Ourense, preguntámonos cales son as razóns e porque non se fixeron antes da apertura do Centro, porque é unha nova demostración da improvisación da Xunta. Ademais, ante a reorganización de servizos sanitarios hospitalarios e de atención primaria con motivo do traslado que quere impoñer á Xunta polas obras do Nóvoa Santos, queremos asegurar que non se vai afectar o servizo e que se van garantir a seguridade e confidencialidade das vítimas”.
A deputada e voceira de igualdade reclama transparencia e require “que a Xunta teña máxima transparencia e renda contas, seis meses despois de empezar o servizo, de cantas vítimas foron atendidas, os servizos que se prestaron, as derivacións que se remitiron desde outros servizos, o protocolo de funcionamento concreto na área ou as actividades de sensibilización das que presuntamente debe participar este servizo para cumprir os pregos de concesión, pois até o momento, a Xunta oculta esta información ao Parlamento Galego e á sociedade ourensá”.
Por estes motivos o Grupo Parlamentario do BNG rexistrou unha batería de iniciativas nas que tamén esixe que se planifique a recuperación para a xestión pública e directa dun servizo que nunca debeu ser privatizado.