O BNG pide explicacións á Xunta pola presunta facturación irregular ao Sergas nun hospital privado de Ourense

O BNG reclamará explicacións ao Goberno galego tras a denuncia da Fiscalía contra o Grupo Recoletas por unha presunta facturación fraudulenta ao Sergas. A formación nacionalista levará esta cuestión ao Parlamento galego co obxectivo de esclarecer o sucedido no ámbito da sanidade privada na provincia de Ourense.
.
A investigación afecta ao grupo sanitario que recentemente adquiriu os principais centros privados de Ourense, o Centro Médico El Carmen e Cosaga, o que, segundo o BNG, incrementa a relevancia do caso pola súa relación co sistema público.
A deputada ourensá Noa Presas cualificou a situación de “dobre escándalo”, ao considerar que, por unha banda, podería terse producido unha facturación irregular ao “facturar a anestesia local como anestesia xeral para cobrar máis da Xunta de Galiza” e, por outra, evidenciaría “unha enorme falta de control e vixilancia por parte do Goberno galego”.
Ante estes feitos, o Bloque solicita que se adopten medidas de control. “Esiximos a través do Parlamento explicacións e que a Área sanitaria de Ourense sexa sometida unha vez máis a un informe do Consello de Contas e a unha auditoría exhaustiva”, sinalou Presas, quen lembrou que “xa no ano 2024, este organismo advertiu de irregulariedades e privatizacións nesta Área”.
A parlamentaria tamén incidiu na preocupación do seu grupo pola concentración de servizos sanitarios privados na provincia, advertindo de que “a compra por parte do Grupo Recoletas dos dous hospitais privados dos que máis depende a sanidade pública de Ourense, comprometía a competencia e a prestación de servizos”. Neste sentido, subliñou a necesidade de supervisar o uso dos recursos públicos: “hai que vixiar até o último euro pois temos que lembrar que estamos a falar de cartos públicos”.
O BNG reclama ademais coñecer “que medidas preventivas vai impulsar o Goberno galego para protexer a sanidade pública ourensá ante posibles actuacións oligopólicas no ámbito da sanidade privada”, así como confirmar se na actualidade está garantida a prestación dos servizos que se derivan habitualmente desde o sistema público.