O BNG pide explicacións no Congreso sobre as incidencias na liña ferroviaria entre Ourense e Ponferrada

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Poñen a alerta sobre as dúas últimas incidencias rexistradas no treito de Montefurado
BNG nestor rego
19 Feb 2026

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar nas Cortes do Estado unha batería de iniciativas dirixidas ao Goberno sobre as últimas incidencias producidas na liña ferroviaria Ourense-Ponferrada, concretamente os días 17 e 18 de febreiro.

O deputado do BNG no Congreso exixe que se esclarezan as causas e revisar de forma integral a infraestrutura, así como impulsar plans específicos de inspección, revisión e reparación periódica das infraestruturas, e cualifica os feitos como “moi graves”. Segundo o nacionalista, estas incidencias volven pór en evidencia o abandono e a falta de mantemento das infraestruturas ferroviarias na Galiza”.

O deputado refírese, por un lado, á incidencia rexistrada este mércores sobre as 7:40 horas nun tren convencional que cubría a liña entre Ponferrada e Ourense e que quedou parado á altura do Ivedo, entre as estacións de Montefurado e San Clodio, tras unha avaría que, segundo as primeiras informacións, estaría relacionada coa catenaria e o pantógrafo. Entre as 20 persoas que viaxaban neste tren, alertan os nacionalistas, atopábanse crianzas e persoas con mobilidade reducida, que tiveron que ser evacuadas polos servizos de emerxencia e a través de camiños rurais até Montefurado, para ser posteriormente trasladadas en taxi e autobús os seus destinos.

Segundo o relato dos viaxeiros, que denuncian que permaneceron máis dunha hora sen información clara por parte da operadora ferroviaria, escoitouse un forte estrondo, como un lóstrego, e observaron chispas antes de quedar sen subministración eléctrica.
Pero os nacionalistas lembran que non foi a única incidencia da semana, senón que xa o martes, 17 de febreiro, apenas un día antes, rexistrouse un incendio nun túnel próximo a Montefurado que obrigou a cortar a liña León-Monforte, afectando conexións con Ponferrada, León, Ourense e mesmo o servizo entre A Coruña e Barcelona. O xestor da infraestrutura ferroviaria, Adif, sinalan os nacionalistas, indicou que sería precisa unha revisión técnica antes de restabelecer o tráfico.

Para o BNG, estas incidencias “non son feitos illados, senón a consecuencia directa da falta de inspección, mantemento e investimento nas infraestruturas ferroviarias galegas” e consideran que “non abonda con actuar cando xa se produciu a avaría ou o incendio” senón que é imprescindible “un plan sistemático de revisión da vía, da catenaria, dos túneles, noiros e da vexetación do entorno, que permita previr situacións de risco e garantir a seguranza das persoas usuarias”.

Por iso, reclaman ao Goberno esclarecer “con total transparencia” cal foi a causa exacta da avaría producida o 18 de febreiro e que se determine se se debeu á catenaria e ao pantógrafo, ademais de concretar os factores que provocaron o fallo. “Debe explicar, ademais, por que a operadora non informou de maneira áxil e suficiente ás persoas viaxeiras afectadas, deixándoas sen comunicación durante máis dunha hora” reclama Rego, que pide tamén coñecer as causas do incendio do pasado 17 de febreiro e faga públicos os resultados da investigación.

Con todo, piden unha revisión integral da infraestrutura afectada polo incendio e que se informe sobre se foron detectados danos estruturais. Neste senso, puntualiza Rego, os nacionalistas consideran que “deben ser reforzados os protocolos de seguranza e estabelecer medidas de mantemento preventivo sistemático en toda a rede ferroviaria galega, así como impulsar plans específicos de inspección, revisión e reparación periódica das infraestruturas, especialmente, tendo en conta as condicións meteorolóxicas adversas habituais na Galiza”.

⚙ Configurar cookies
0.087095022201538