O BNG pide garantir a chegada de fibra óptica a todos os fogares da provincia de Ourense

OurenseXa
Néstor Rego urxe o Goberno a velar para que ningún concello, núcleo de poboación ou casa fique sen acceso a internet
Néstor Rego
Néstor Rego
24 Jan 2025

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para que o Goberno actúe e garanta a instalación das infraestruturas necesarias para levar a fibra óptica a todas ás casas, exixindo que non se negue o servizo a ningunha vivenda. No concreto, reclama pór fin á fenda dixital que sofren moitas poboacións do ámbito rural, especialmente en Ourense como en zonas da comarca de Valdeorras ou na Baixa Limia, entre outras. A organización nacionalista demanda garantir o acceso a internet de todas as vivendas despois do apagado do cable de cobre por non dispoñer aínda de fibra óptica na Galiza.

Segundo os datos fornecidos pola Secretaría de Estado de Avance Dixital, 2.000 situadas en territorio ourensán non teñen cobertura de banda larga con fibra óptica nin perspectivas de instalala nun prazo de tres anos despois de ter consultado a distintas compañías de telecomunicacións. Segundo os datos oficiais, calcúlanse que hai vivendas marxinadas dos plans para a extensión da banda larga en 89 dos 92 concellos de Ourense. Unha situación que implicará o total illamento destes núcleos e vivendas cando chegue o apagamento definitivo do cobre en maio de 2025.

Ante esta situación, o BNG, que xa ten rexistrado diversas iniciativas co obxectivo de pór fin á fenda dixital que sofren moitas poboacións -sobre todo do ámbito rural-, vén de rexistrar novas iniciativas para garantir o despregamento da fibra óptica. En moitos destes lugares, son as propias operadoras as que se negan a estendela a pesar de estar contemplado na AxendaDixital do Estado que marca como obxectivo garantir unha cobertura de 100 Mbps de banda larga en 2025 para todas as poboacións, cumprindo co acceso universal.

“Localidades como Lobios, que leva dous anos agardando pola instalación do tendido necesario para poder contar con esta tecnoloxía” exemplifica Néstor Rego lembrando as numerosas reclamacións da veciñanza a este respecto. Hai que ter en conta, continúa o deputado do BNG, que o Goberno concedeu axudas a Telefónica en 2019 para que estendese a fibra a moitas poboacións de Ourense cun prazo de execución que terminaba en 2022. Mais, no caso de Lobios, incumpriuse amplamente dado que só 4 vivendas das 58 existentes teñen acceso a internet de alta velocidade.

Outro exemplo, subliña Rego, é o núcleo de Baxeles, no municipio de Vilamartín de Valdeorras, que en decembro pasado cumpriu dous anos sen conexión telefónica desde que se apagaron os cables de cobre, pero que seguen sen acceso ao despregamento de fibra.

“As Xefaturas Provinciais de Inspección de Telecomunicacións non están demostrando ser efectivas para canalizar as reclamacións da veciñanza ante os problemas e as incidencias” destaca o deputado do BNG. Alén disto, a posta en marcha do Programa UNICO Banda Larga no período 2021-2023 que incluía proxectos aprobados para municipios de Lugo, Ourense, A Coruña e Pontevedra, segue moi lonxe a universalización do acceso á banda larga ultra rápida, como deixan en evidencia os datos de Ourense.

Está claro, evidencia Néstor Rego, que os Programas para a extensión da banda larga non están a garantir o acceso universal e é obriga do Goberno velar para que ningún concello, núcleo de poboación ou casa fique sen acceso a internet. De igual modo, “é deber do Executivo exixir a Telefónica que cumpra coa obriga de instalar as infraestruturas necesarias para levar a fibra óptica a todas ás casas, exixindo que non se negue o servizo a ningunha vivenda, pois, non hai que esquecer que recibiu axudas con esa finalidade” finda.

0.16923189163208