O BNG pide unha auditoría das instalación do CHUO tras unha filtración no edificio de cristal

OurenseXa
A incidencia súmase ás rexistradas no materno nos últimos tempos e abre o debate sobre o estado das instalacións
Noa Presas
13 Jan 2026

Unha avaría nunha condución de auga provocou este luns incidencias no edificio Cristal do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), afectando a varias plantas do inmoble no que se atopa o servizo de cardioloxía. O problema obrigou a actuar de inmediato para conter as filtracións e permitir a recuperación progresiva da actividade asistencial, que quedou restablecida ao longo da mañá tras a reparación da tubaxe e as tarefas de secado.

Este novo episodio, que suma aos numerosos incidentes rexistrados nos pasados meses no materno, con varios derrubes nos falsos teitos, reaviva as críticas sobre o estado das instalacións hospitalarias, sobre todo entre as filas nacionalistas. A deputada autonómica por Ourense, Noa Presas, anunciou o rexistro dunha serie de iniciativas no Parlamento galego para reclamar explicacións e maior transparencia por parte da Xunta. Para a nacionalista, “é escandaloso que como se non fora suficiente o colapso de Urxencias e a falta de camas nesta primeira quincena de xaneiro, na que non está habendo capacidade suficiente para atender a incidencia de enfermidades respiratorias, o Hospital de Ourense volva ser protagonista da actualidade por outro rebentón de tubaxes que afortunadamente non supuxo danos persoais”.

Presas lembrou que non se trata dun feito illado e advertiu de que “a constante sucesión de incidencias deste tipo, como o rebentón do mes de abril e as incidencias que tiveron que levar ao peche do Materno, provocan unha enorme inseguridade na cidadanía”, polo que o BNG insiste na necesidade de realizar “unha auditoría independente sobre o estado das instalacións do Complexo Hospitalario” e de obter “explicacións concretas sobre esta última avaría”.

A deputada tamén criticou a falta de información sobre o futuro das infraestruturas sanitarias da área. Segundo sinalou, “desde o BNG insistimos en ter acceso aos informes que recomendaron derrubar o Hospital materno infantil xa que a día de hoxe, case un ano despois da crise dos derrubamentos, esa información é ocultada á cidadanía ao tempo que non hai avances no novo edificio de hospitalización que debía levar un ano rematado”.

Finalmente, Noa Presas asegurou que o ocorrido este luns é “outra vez a imaxe da precariedade da situación da Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, máis propia dunhas instalacións de posguerra que do século XXI”, lembrando que este tipo de incidentes xa se produciron noutras ocasións.

⚙ Configurar cookies
0.16115403175354