O BNG pon en valor que as bonificacións da AP-53 logradas polo partido mellorarán a competitividade de Ourense

OurenseXa
As familias e o sector de transporte aforrarán entre 2.520 a 3.360 euros ao ano coa aplicación dos primeiros descontos
BNG-ourense-ap-53
16 Apr 2025

A senadora do BNG, Carme da Silva, pon en valor a entrada en vigor das bonificacións históricas na AP-53 conseguidas pola organización nacionalista no marco da investidura e cuantifica o aforro que suporá para centos de familias e empresas a posta en marcha destes descontos. Da Silva reivindica o papel “fundamental do BNG na defensa dos intereses da Galiza” e destaca a capacidade da formación para mellorar a vida dos galegos e galegas sempre que ten a posibilidade de facelo.

A formación nacionalista avalía as bonificacións da AP-53 conseguidas polo BNG no marco do Acordo de Investidura, a súa entrada en vigor e a repercusión que terá para a veciñanza, así como para o tecido empresarial de Ourense. A senadora do BNG, Carme da Silva, estivo acompañada polo deputado no Parlamento de Galiza, Iago Tabarés, a deputada provincial, María Mangana, e o voceiro no Concello de Ourense, Luis Seara.

“Este mes, unha persoa acostumada a ir a traballar ou a estudar a Santiago todos os días da semana que empregue a Autoestrada Central da Galiza, verán na súa conta -cousa que non pasaba outros meses- 210€ de aforro. No caso de profesionais do transporte, por exemplo, o aforro ascende a 280€” apunta a senadora do BNG. Este aforro, continúa Carme da Silva, obedece ás bonificacións da AP-53 conseguidas pola organización nacionalista no marco da investidura.

Carme da Silva pon en valor as bonificacións históricas conseguidas polo BNG, de até 75% no caso de vehículos lixeiros. “Son as primeiras rebaixas que se implantan nesta autoestrada despois de máis de 20 anos de sucesivos gobernos do Estado que non adoptaron esta medida” salienta. Unha persoa que viaxa todos os días entre Santiago e Lalín por razóns laborais ou calquera outro motivo aforrará 2.520 euros anuais xa que pasará de pagar 3.360 a 840 euros.

No caso dos vehículos pesados, subliña a senadora nacionalista, o aforro anual oscila entre os 1.632 e os 3.360 euros, dependendo do tipo de vehículo empregado. “Supón unha rebaixa substancial nas peaxes e unha axuda importantísimas tanto para as PEMES como para as traballadoras e traballadores por conta propia, sobre todo os do sector do transporte” evidencia Carme. Unhas rebaixas, polo tanto, que mellorarán a competitividade empresarial e dinamizarán a economía de Ourense.

A senadora nacionalista exemplifica coas rebaixas da AP-53 o labor do BNG na defensa dos intereses dos galegos e das galegas, rematando con máis de 20 anos de inxustiza e agravio. “Tivo que ser o BNG, coa súa forza en Madrid, quen fixese o traballo dun goberno ausente da Xunta de Galiza e cunha representación do Partido Popular por Ourense máis centrada en seguir as consignas de Génova que en mellorar a vida dos e das ourensáns” lamenta.

Unha política útil, finaliza a senadora, a que realiza o BNG cando ten oportunidade de mellorar a vida das galegas, colocando no centro ás persoas con logros concretos como estas bonificacións históricas na AP-53.

⚙ Configurar cookies
0.12839984893799