O BNG presenta emendas ao proxecto Ordenanza da Zona de Baixas Emisións de Ourense

OurenseXa
Dende a formación nacionalista difiren da determinación dunha ZBE específica dentro das cidades
luis-seara-bng-ourense
Luís Seara
2 Jun 2025

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense, en sesión extraordinaria celebrada o pasado día 19 de maio de 2025, acordaba a aprobación do proxecto de Ordenanza municipal reguladora das Zonas de Baixas Emisións, abrindo entón un prazo de 10 días hábiles para que os Grupos municipais presenten as emendas que consideren acaídas en aras de mellorar o texto e antes de sometelo á aprobación inicial por parte do Pleno.

O Grupo municipal do BNG rexistrou no día de hoxe unha serie de emendas “co obxectivo de mellorar o proxecto de Ordenanza presentado e co fin, construtivo, de clarificar e definir mellor algunhas das medidas ou definicións propostas”. Así a formación nacionalista sostén que é preciso que en contra do que figura no proxecto de Ordenanza, o Servizo da ORA se manteña activo máis alá do 1 de xaneiro de 2026 ao entender que “son moitas as rúas que quedan fóra da améndoa definida dentro da ZBE e que a día de hoxe contan con estacionamento regulado”.

Luís Seara, Portavoz do BNG, entende que “sendo precisa unha actualización do Servizo a fin de que cumpra o seu obxectivo primixenio que non é outro que o de garantir a rotación nos aparcamentos e seguindo as recomendacións contidas no PMUS de 2019. Estamos dispostos a falar da súa gratuidade porque cremos que é preciso que exista algún mecanismo de control polo que non entendemos acaído derrogar dito Servizo”.

Outra das emendas rexistradas polos nacionalistas ten que ver con impedir que, tal e como se propón na Ordenanza, “poida outorgarse mediante concesións demanial, a explotación por parte de empresas privadas, de zonas de estacionamento dentro da ZBE reservadas para os vehículos de aluguer sen conductor xa que consideramos que o espazo público non pode privatizarse nin a Ordenanza pode ser un mecanismo de financiamento para os aparcadoiros privados”.

No BNG tamén amosan as súas dúbidas a respecto da nova denominación que se fai do que son vías peonís ou o feito de que da Ordenanza de tráfico desaparezan as vías con acceso restrinxido, cuestión que tamén foi obxecto de emenda por parte do Grupo municipal nacionalista.

Pero máis alá de “cuestións técnicas” Luís Seara deixa claro que “a mobilidade é un elemento central que define o espazo urbano e é un factor determinante na habitabilidade das cidades e na calidade de vida da veciñanza, tendo ademais enormes efectos desde o punto de vista da sustentabilidade ambiental” e engade, “a posición do BNG no tocante á mobilidade ten sido manifestada en múltiples ocasións e difire da determinación dunha ZBE específica dentro das urbes ao entender que non é razoable aplicar modelos restritivos en función da tipoloxía de vehículos en perímetros determinados”.

Os nacionalistas avogan por “definir o conxunto da cidade en toda a súa extensión como unha ZBE, apostando por unha redución xeral do tráfico de vehículos privados en toda a trama urbana e no calmado do seu tránsito, coa consecuente redución de emisións en lugar de promover soamente a substitución do parque móbil actual por outro no que primen os modelos de vehículos eléctricos”.

“Esta é unha alternativa que xa se vén desenvolvendo con éxito acreditado noutros concellos, nomeadamente no de Pontevedra e que foi aceptado polo MITMA, o que supón unha resposta integral que permite avanzar cara unha mobilidade máis sustentábel”.

Non obstante, na formación nacionalista entenden que a determinación dunha ZBE na cidade de Ourense responde ao cumprimento dunha esixencia legal “á que cómpre dar resposta e no BNG consideramos que a mesma debe poñerse en marcha minimizando ao máximo aqueles elementos descritos con anterioridade e relativos á creación de situacións discriminatorias”.

0.16008400917053