O BNG presenta unha emenda á totalidade aos orzamentos da Deputación de Ourense para 2026

O BNG na Deputación de Ourense cumpriu este luns coa súa advertencia e anunciou na tarde deste luns a presentación dunha emenda á totalidade aos orzamentos provinciais para 2026. A proposta, que foi explicada en rolda de prensa polos deputados nacionalistas Bernardo Varela, María Mangana e Xosé Manuel Puga, formula a redistribución de 18.671.000 euros e incorpora dúas emendas adicionais ás bases de execución.
O portavoz do BNG, Bernardo Varela, criticou o proxecto económico presentado polo PP ao considerar que “o PP volta traer uns orzamentos continuístas que levan lastrando as comarcas de Ourense todos estes anos”.
A emenda nacionalista propón destinar os fondos redistribuídos a reforzar o apoio aos concellos, habilitar axudas para a veciñanza afectada polos incendios do 2025, integrar os GES no Consorcio de Incendios, impulsar a economía provincial e crear un programa específico contra a violencia machista.
No relativo ás bases de execución, o BNG solicita que os cargos públicos só poidan percibir dietas cando permanezan polo menos no 70% da duración das sesións e participen no 90% das votacións. A segunda emenda limita as axudas nominativas a un máximo do 8% dos capítulos IV e VII destinados a entidades privadas, incluíndo modificacións de crédito e incorporacións de remanentes.
A proposta inclúe tamén un Plan Único de 23.410.000 euros para os concellos, baseado nos criterios da FEGAMP. Desa contía, 20.910.000 euros repartiríanse conforme ás bases provinciais, mentres que 2.500.000 euros estarían destinados a municipios afectados polos incendios do verán. Varela lembrou que “o obxectivo que vimos defendendo dende o inicio do mandato é acadar os 25 millóns de euros para este plan, unha cifra perfectamente asumible se existe vontade política”.
O BNG defende ademais que os GES se incorporen ao Consorcio de Incendios e propón incrementar en 400.000 euros os fondos destinados a emerxencias —cun complemento anual de 200.000 euros en 2026 e 2027— para garantir unha estrutura única de resposta. “Este verán deixou moi claro que a provincia precisa un mando único e unha resposta ordenada, non parches”, afirmou Varela.
Outro dos puntos destacados é a creación dun programa de dinamización económica dotado con 2,71 millóns de euros, destinado a entidades sindicais, empresariais, profesionais, formativas e universitarias. Para o portavoz, “a provincia non pode seguir ancorada nun modelo esgotado; é necesario poñer en valor o noso potencial económico con políticas estruturais que creen emprego e oportunidades reais”.
Tamén se propón un programa específico contra a violencia machista, dotado con 150.000 euros, apoiado en convenios e concorrencia competitiva. Segundo Varela, “non se pode presumir de compromiso coa igualdade mantendo partidas simbólicas ou discrecionais; é preciso apoiar con recursos e con estabilidade ás entidades que sosteñen esta loita diaria”.
O portavoz nacionalista insistiu en que estas propostas responden a unha diagnose que, segundo di, o BNG leva anos advertindo: a continuidade das axudas nominativas a través de remanentes. “Non hai cambio real, só un cambio de cromos. O PP limita as nominativas nos orzamentos para logo recuperar o volume a través da incorporación de remanentes en marzo, reproducindo exactamente a mesma política clientelar que vimos denunciando”.
O BNG tamén cuestiona a falta de avances no capítulo de persoal e critica que a Deputación continúe sen unha RPT actualizada. Varela engadiu que o INORDE segue a ser “un organismo irreformable” e volveu defender a súa disolución para integrar as súas funcións na estrutura provincial. “Un ano máis queda claro que o INORDE non cumpre cos seus obxectivos declarados e que só se mantén por inercia e por interese político”, concluíu.
Para rematar, Varela asegurou que as emendas do BNG amosan que é posible “un modelo alternativo, máis transparente, máis eficaz e máis orientado aos intereses dos concellos e das ourensás e ourensáns”. “O PP opta polo continuísmo e polos vellos vicios; nós optamos por poñer a Deputación ao servizo da maioría social. Ese é o sentido destas emendas e ese será o camiño que seguiremos defendendo”.