O BNG propón a creación dunha brigada municipal e dunha patrulla medioambiental específica para o río Barbaña

O Grupo municipal do BNG levará ao próximo Pleno do Concello de Ourense, previsto para este venres 3 de outubro, unha moción centrada na limpeza de camiños, predios e marxes do río Barbaña. Tal e como sinalan na súa exposición de motivos, “unha das queixas máis recorrentes da veciñanza que vive no perímetro rural do noso concello é a relativa á limpeza e desbroce de parcelas e camiños”.
O concelleiro Xosé Manuel Puga subliña que “a preocupación é máxima e vai en aumento pois todas e todos temos no maxín, as imaxes de aldeas devoradas por completo polo lume. É preciso que desde o Concello se realice a limpeza das parcela e dos camiños veciñais, moitos deles nun estado de limpeza e conservación que os fai impracticables”.
Puga insiste en que “está ben esixirlle aos particulares que cumpran coas súas obrigas nesta materia mais a administración debe ser a primeira en dar exemplo e cumprir coas súas” e engade que “os traballo de limpeza e desbroce non poden circunscribirse exclusivamente a un periodo moi concreto do ano, como pode ser a primavera ou o inicio do verán no que, por outra banda, convén incrementar ditos traballos debido á floración da vexetación nestas épocas”.
Segundo o BNG, “é preciso que dita limpeza e desbroce sexa realizada ao longo de todo o ano e de xeito periódico co obxectivo de manter sempre limpos os camiños e os predios de titulariedade municipal e para evitar así a acumulación excesiva de masa forestal durante o inverno, feito que dificulta o seu tratamento durante a primavera e o verán”.
Para garantir estes traballos, os nacionalistas propoñen a creación dunha brigada específica con persoal e medios materiais suficientes para “desenvolver estas tarefas ao longo de todo o ano, incluída tamén a limpeza e o desbroce periódico das marxes do río Barbaña, motivo de queixa constante por parte da veciñanza polo seu lamentable estado”.
Ademais, o BNG solicita a creación dunha unidade especializada en medio ambiente dentro da Policía Local, formada por axentes capacitados que tamén servirían de apoio ás tarefas e cometidos da Concellería de Medio Ambiente.