O BNG propón á Deputación un convenio voluntario para mellorar a xestión da biomasa

OurenseXa
O grupo provincial propón tamén unha colaboración aos concellos para garantir as obrigas legais en materia de limpeza
bng-prov-ou
22 Jul 2025

O grupo provincial do BNG presentará no pleno do 24 de xullo unha moción que busca establecer convenios de colaboración voluntarios entre a Deputación de Ourense e os concellos da provincia para garantir o cumprimento das obrigas legais en materia de limpeza e xestión da biomasa nas faixas secundarias de protección contra incendios forestais.

A proposta nacionalista contempla a creación dun modelo de convenio marco que permita aos municipios con menos recursos delegar na institución provincial a execución subsidiaria dos traballos de limpeza, así como a súa xestión, liquidación e cobro. Para garantir a súa aplicación efectiva, o BNG propón dotar este plan cun mínimo dun millón de euros nos orzamentos provinciais de 2026. A iniciativa tamén inclúe criterios de prioridade baseados na poboación e no número de núcleos poboacionais.

O portavoz do BNG na Deputación, Bernardo Varela, alertou de que “o risco de lumes forestais leva sendo un problema desde hai moitos anos” e que “a situación de abandono de moitos predios supón unha ameaza, xa non só no ámbito agrario, senón tamén para as persoas”. Varela insistiu na urxencia de actuar diante dunha realidade marcada por “parcelas en estado de abandono, sen xestión forestal nin rozar, o que supón unha ameaza real e inmediata de propagación de incendios forestais”.

Segundo o voceiro nacionalista, esta situación agrávase pola “resposta administrativa marcada por atrasos derivados de incapacidades ou mesmo por deixadez, debido principalmente á imposibilidade de localizar ou identificar con axilidade os propietarios e á falla de medios técnicos e humanos nos concellos”.

Por iso, defende que a moción do BNG pretende “dotar dunha ferramenta efectiva aos concellos con escasa capacidade económica e administrativa, para dispor dun fondo económico ao que recorrer e permitir a delegación do procedemento e cobro da execución subsidiaria dos custes da limpeza de predios dos que as persoas propietarias non procedan á súa limpeza”.

Varela tamén advertiu das consecuencias legais da inacción das administracións: “A lexislación tamén establece que a inacción prolongada por parte das administracións coñecedoras da situación podería derivar en responsabilidade patrimonial, especialmente se se producen danos evitábeis”.

O BNG defende que a Deputación actúe de forma proactiva e brinde apoio real aos concellos máis pequenos, especialmente aqueles con menos de 1.000 habitantes e nas zonas de maior risco durante os meses de verán.

Ademais, a moción inclúe un acordo para reiterar a demanda de que se transfiran as competencias do catastro á Xunta de Galicia. Mentres iso non se produza, o BNG propón un convenio co Ministerio de Facenda para revisar os datos catastrais e identificar correctamente as persoas titulares das parcelas.

⚙ Configurar cookies
0.15935182571411