O BNG reclama a ampliación e mellora dos Polígonos empresarias da área metropolitana de Ourense

O BNG insta á Xunta á ampliación dos Polígonos de San Cibrao e Pereiro, así como á creación dun área comercial en Paderne e á mellora da conexión viaria dos parques empresariais existentes coa A-52
Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas
22 Maio 2024

Na parte leste da área periurbana de Ourense están ubicados os Polígonos empresarias de Barreiros, San Cibrao das Viñas e do Pereiro de Aguiar, constituíndo o principal núcleo de desenvolvemento económico e industrial da Galiza interior. A área empresarial indicada, abrangue unha superficie de máis de 6 millóns de metros cadrados na que se asentan máis de 700 empresas que dan emprego a unha media de 10.000 traballadoras e traballadores.

Actualmente a practica totalidade das aproximadamente 800 parcelas que compoñen o espazo empresarial están ocupadas, o que impide a posibilidade de instalación de novas iniciativas empresariais con capacidade para xerar actividade económica e emprego na comarca ao que hai que engadir, segundo afirman desde o BNG, “que o cambio de goberno producido no ano 2009 e a chegada do PP ao mesmo, supuxo a inmediata paralización dos proxectos de creación de solo empresarial na área periurbana de Ourense, sen que fosen substituídos por iniciativas alternativas”.

Para o deputado Iago Tabarés, “ao tempo seguen sen atenderse as demandas de solo empresarial, a poboación de Ourense continúa a diminuír e o número de empresas a descender”, e engade, “se a superficie empresarial non experimentou incremento significativo, tampouco as comunicacións melloraron substancialmente malia ser un dos aspectos esenciais para o desenvolvemento da actividade industrial dos polígonos”.

Tabarés alude ao feito de que “a día de hoxe segue pendente de execución a conexión do polígono de San Cibrao coa A-52 pois o vial realizado unicamente axiliza a comunicación viaria entre a autoestrada coa N-525 sen chegar a conectar con ningún dos Polígonos”.

“Ao tempo, a liberación da actual rede ferroviaria unha vez remate a liña do AVE no treito Taboadela – Ourense permitirá establecer unha liña de comunicación áxil e sustentábel para o transporte colectivo de pasaxeiros entre os Polígonos e a cidade, reducindo os tráficos de vehículos e a contaminación ambiental, medios que virían complementar ao transporte metropolitano de urxente posta en marcha”.

Xunto coa ampliación da superficie industrial e comercial dos Polígonos e a mellora do transporte viario, a construción da estación ferroviaria de mercadorias en San Cibrao das Viñas, concentrando nela os servizos que agora se prestan na de Ourense, “contribuiría non só a potenciar a actividade das zonas empresariais e a axilizar os movementos das mercadorías, senón que implicaría unha liberación de espazo na terminal de Ourense, o que permitiría avanzar na humanización e integración de espazos na trama urbana da cidade”.

Por todo o esposto con anterioridade é polo que desde o Grupo parlamentar do BNG no Parlamento galego, veñen de rexistrar iniciativas encamiñadas a, tal e como sinala Iago Tabarés, “instar á Xunta á ampliación dos Polígonos de San Cibrao e Pereiro, á creación dun área comercial en Paderne, á mellora da conexión viaria dos parques empresariais existentes coa A-52, á creación dunha estación ferroviaria de mercadorías no Concello de San Cibrao das Viñas así como á posta en marcha dun plan de Transporte Metropolitano que permita mellorar a mobilidade da veciñanza”.

0.1117160320282