O BNG reclama a protección da histórica pintada galeguista do Mosteiro de Celanova

OurenseXa
Piden á Xunta de Galicia aclarar a autoría e alcance da intervención na fachada e garantir a restauración deste símbolo vinculado a Celso Emilio Ferreiro e Pepe Vela
Iago Tabarés, deputado do BNG
10 Mar 2026

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento de Galicia, Iago Tabarés, rexistrou este luns unha iniciativa parlamentaria para reclamar medidas de protección e restauración da histórica pintada “Adiante / Semanario” situada na fachada do Mosteiro de San Salvador de Celanova, tras coñecerse actuacións recentes que poderían ter afectado a este elemento patrimonial.

Con esta iniciativa, os nacionalistas buscan esclarecer se a Xunta tiña coñecemento das intervencións realizadas na fachada do mosteiro, se existe algunha autorización administrativa vinculada á rodaxe audiovisual que tivo lugar na contorna do monumento e se a pintada conta con algún tipo de catalogación ou protección específica dentro da normativa de patrimonio cultural. Ademais, instan ao Goberno galego a determinar a autoría e o alcance dos posibles danos, depurar responsabilidades e impulsar as actuacións necesarias para garantir a restauración e conservación deste elemento singular da memoria histórica galega.

A pintada, realizada nos primeiros anos da década de 1930 por membros das Mocidades Galeguistas, está vinculada á difusión do xornal Adiante, órgano de expresión desta organización durante a Segunda República. Trátase, lembran dende o BNG, dun dos poucos vestixios materiais conservados no espazo público da actividade política e cultural do galeguismo daquela época. Entre as persoas que participaron na súa realización figuran figuras destacadas da cultura galega como Pepe Velo e Celso Emilio Ferreiro, ambos estreitamente vinculados á vila de Celanova.

Para o deputado nacionalista, o feito de que esta pintada sobrevivise durante máis de noventa anos, incluída a etapa da ditadura franquista, convértea nun símbolo de especial valor histórico e memorial. Ademais, atópase situada nun edificio de extraordinaria relevancia patrimonial como é o Mosteiro de San Salvador de Celanova, un dos conxuntos monumentais máis importantes de Galicia.

Nos últimos días diferentes informacións difundidas en medios de comunicación e redes sociais apuntan á realización de actuacións sobre a fachada que terían afectado parcialmente á pintada, presuntamente no contexto da rodaxe dunha produción audiovisual na contorna do mosteiro e coa finalidade de modificar o fondo escenográfico dunha escena.

De confirmarse estes feitos e segundo o BNG, poderíase estar ante unha intervención que supón a alteración dun elemento de valor histórico e memorial que forma parte do patrimonio cultural de Galicia. Neste sentido, destaca Tabarés “a protección, conservación e defensa do patrimonio cultural galego é unha responsabilidade pública que corresponde ás administracións, especialmente á Xunta no exercicio das súas competencias”.

Por este motivo, o deputado tamén rexistrou unha proposición non de lei na que insta ao Parlamento de Galiciaa reclamar ao goberno galego que impulse as actuacións necesarias para determinar a autoría, alcance e responsabilidades desta actuación e adopte as medidas precisas para garantir a recuperación e restablecemento da pintada histórica.

O BNG defende que preservar este tipo de vestixios non só significa protexer un elemento material, senón tamén salvagardar a memoria democrática, cultural e política do País. “Celanova forma parte da historia do galeguismo e do compromiso cultural e político de figuras fundamentais da nosa literatura e da nosa identidade colectiva. A defensa deste patrimonio é unha cuestión de responsabilidade institucional e de respecto pola memoria do país”, concluíu o deputado nacionalista.

0.12390208244324