O BNG reclama á Xunta que poña en marcha un servizo do transporte ata o hospital de Piñor

OurenseXa
Acusan ao Goberno galego de “non ter previsto a reorganización do transporte ante o traslado de servizos do CHUO polo derrube do Materno e por empeorar unhas conexións que eran xa deficientes”
Noa Presas
5 Jun 2025

Os deputados nacionalistas por Ourense Noa Presas e Iago Tabarés veñen de elevar ao Parlamento galego unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta de Galiza a reorganización e o reforzo dos servizos de transporte para conectar a cidade e os concellos da comarca de Ourense co Hospital de Piñor e como consecuencia dos traslados de boa parte do servizos despois do derrube do Hospital Materno Infantil e tal e como demanda a Plataforma pola defensa e mellora da sanidade de Ourense, profesionais e usuarias dos servizos.

Presas recorda que “se os servizos de enlace entre a cidade e o Hospital de Piñor xa eran deficientes, esta situación está a empeorar agora que con motivo de trasladar servizos do CHUO pola caída do teito do Materno, a Xunta, para variar, non fixo unha previsión adecuada porque a mesma falta de planificación de Sanidade témola na Área de transportes e mobilidade”. A deputada recorda que “chove sobre mollado porque a comarca de Ourense segue sen un verdadeiro Plan de transporte metropolitano 15 anos despois de ser prometido”.

O BNG lembra que “hai semanas xa que a Plataforma se dirixiu ao Concello de Barbadás, ao de Ourense e á Xunta para que xunto coas empresas concesionarias se tente dar unha saída ao problema pero a Xunta segue mirando para outro lado, polo que reclamamos que asuma a súa responsabilidade como administración competente e financiadora e que constitúa unha mesa de traballo urxente para poder reorganizar e reforzar o servizo”.

“A sanidade pública ten que ser accesible e para iso as e os doentes teñen que dar chegado aos centros de servizo, bastante dano fixo o Partido Popular demorando a súa actuación no Materno infantil como para agora obstaculizar que a xente poida chegar a Piñor e se vexa obrigada a pagar taxis para poder acudir”.

⚙ Configurar cookies
0.16662001609802