O BNG reclama cambios nos orzamentos do INORDE ao considerar que duplica estruturas e gasto público

O BNG presentou de novo unha emenda aos orzamentos do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE) para 2026, que serán debatidos esta tarde no Consello Reitor. O deputado provincial Xosé Manuel Puga, representante nacionalista neste órgano, explicou que é a terceira vez consecutiva que o grupo formula a mesma proposta “seguindo cos argumentos de anos pasados, xa que nada ten mudado”.
Puga insistiu en que “o INORDE un órgano que duplica esforzos económicos, materiais e humanos, e polo tanto perfectamente prescindible”. Sinalou ademais que “a totalidade de iniciativas, actuacións e colaboracións poden ser realizadas perfectamente polos distintos servizos que ten a Deputación Provincial”, polo que reclamou unha racionalización administrativa para evitar estruturas paralelas.
O nacionalista advertiu tamén da crecente dependencia económica do organismo.Segundo lembrou, a achega provincial representaba o 82% do orzamento en 2024, aumentou ao 86% en 2025 e chegaría ao 87% en 2026, unha evolución que, ao seu xuízo, “amosa con claridade que o INORDE perdeu calquera capacidade propia de autofinanciamento e converteuse nun simple apéndice administrativo da Deputación”.
A emenda nacionalista propón recortar diferentes capítulos de gasto por un total de 572.500 euros e destinar esa contía á creación dunha nova partida de “nvestimentos e colaboración da Deputación Provincial de Ourense con entidades públicas e privadas para o desenvolvemento de actividades e accións de dinamización económica e social nas comarcas de Ourense”. A intención, segundo Puga, é “que eses fondos se empreguen en apoiar ao tecido económico e social de Ourense en lugar de manter estruturas innecesarias”.
O BNG considera que o proxecto orzamentario do INORDE para 2026 mantén un perfil continuista, salvo polo aumento en investimentos reais para mellora de instalacións, e destaca que a achega provincial subiría de 2,4 a 2,8 millóns de euros, un incremento próximo ao 16%.