O BNG reclama máis frecuencias e mellores trens para Ourense

OurenseXa
O BNG comprométese a crear o GALTREN como instrumento para a xestión do transporte ferroviario e a ter como prioridade de goberno vertebrar por tren o interior de Galicia
BNG_renfe_Ourense
As cabezas do BNG fan un percorrido en tren entre Santiago e Ourense
6 Feb 2024

A próxima lexislatura ten que ser a lexislatura do tren en Galiza”. Baixo esta premisa, a candidata á Presidencia, Ana Pontón, presentou as principais liñas do programa de goberno do BNG nesta materia, indicando que o tren é o medio de transporte “sostible” polo que aposta decididamente para a mobilidade, tanto de persoas como de mercadorías.

Acompañada pola cabeza de lista, Noa Presas, Pontón fixo o percorrido en tren entre Santiago e Ourense, onde tiñan previsto reunirse coa número un por Lugo, Olalla Rodil, e o tamén candidato Dani Castro, que finalmente non puideron chegar á cita por unha avaría no tren no que fixeron o traxecto Lugo-Monforte, avaría que mantivo o tren parado durante case dúas horas, retraso que impediu coller o autobús no que ían facer a segunda parte do percorrido Monforte-Ourense, para chegar á cidade das Burgas.

“Está situación é un exemplo da precariedade das comunicacións no interior e de como Lugo e Ourense merecen ter unha comunicación por tren do século XXI e non do século pasado”, saliento Pontón.

Denunciar as carencias do transporte por tren era, precisamente, un dos obxectivos na axenda electoral da candidata nacionalista, que á súa chegada a Ourense comprometeuse como presidenta a mellorar o servizo ferroviario como “elemento clave para a vertebración do País”. Avogou, neste sentido, por unha “discriminación positiva” con Ourense e Lugo para aumentar a competitividade do interior e como vía, ademais, para fixar poboación.

No caso concreto de Ourense, Pontón avanzou a súa determinación a corrixir a actual política tarifaria que impide, polos elevados prezos, que o tren sexa o transporte habitual para moitos ourensáns e ourensás. Comprometéuse, neste sentido, a negociar co Goberno do Estado a redución de tarifas no Avant e a mellorar a frecuencias e os horarios do tren con destino e chegada a Ourense nunha “aposta decidida” por mellorar a mobilidade no interior do País como elemento clave para o seu desenvolvemento.

 “Xa comprobamos no eixo atlántico que cando se poñen servizos aumenta a demanda, que a xente quere usar o ferrocarril”, apuntou, para a continuación adiantar tamén que unha das medidas que contempla o programa de goberno do BNG é unha tarxeta única que por trinta euros ao mes permita utilizar calquera medio de transporte colectivo. “Será unha revolución na mobilidade do País”, asegurou a candidata nacionalista.

Nesta liña, a candidata nacionalista márcase como un dos obxectivos prioritarios que todas as cidades galegas estean conectadas con servizos “que nos permitan ter unha mobilidade rápida” e “suplir a carencia que ten Lugo” dotando á cidade dunha conexión directa con Santiago de Compostela, o que considerou clave para a capital lucense “pero tamén para todo o interior do País”.

Pontón subliñou que aspira a presidir exercerá todas as competencias na materia para mellorar o transporte por tren para o que, en primeiro lugar, anunciou a creación do ente ferroviario galego GALTREN, como instrumento que permita “exercer as competencias que temos recoñecidas no noso Estatuto”. O obxectivo é darlle ós galegos e ás galegas a posibilidade dun tren do século  XXI, “mellorando conexións, frecuencias e horarios”, remarcou.

Aposta polo tren de proximidade

A líder nacionalista tamén explicou a aposta do BNG por un tren de proximidade, denunciando que hoxe Galiza é un dos poucos territorios que non teñen este servizo. Neste sentido, recordou que a “implantación das cercanías” en Galiza é un dos acordos acadados polo BNG no pacto de investidura, dando prioridade ás áreas urbanas máis desenvolvidas, de tal xeito que en catro anos, -é dicir, na lexislatura-,  o obxectivo é que  haxa tren de proximidade entre A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra, cunha poboación que supera as 900.000 persoas. En todo ca pero que o Bloque quere estender “ao conxunto do País”, recalcou.

Pontón entende que o ferrocarril no só é o medio de futuro para a mobilidade das persoas, senón tamén para o transporte de mercadorías, polo que apuntou tamén como prioridade dun goberno BNG o impulso do Corredor Atlántico, unha infraestrutura que considerou fundamental para incrementar a “competitividade das nosas empresas” e para situar Galiza nas redes transeuropeas de transporte.

 “O meu compromiso é facer da próxima lexislatura a lexislatura do tren en Galiza”, impulsando unha axenda ferroviaria galega, asegurou, deixando claro que “o tren ten que ser o medio por excelencia da mobilidade sostible, polos seus beneficios para a vertebración interna do país, para garantir unha comunicación rápida e segura entre as cidades e vilas e para combater o cambio climático. Fronte a un PP que lle deu as costas ao tren, o goberno do BNG porá o tren no primeiro plano da acción de goberno”, concluíu.

Estación de mercadorías no polígono de San Cibrao

Na mesma liña, Noa Presas reivindicou a cohesión social e a cohesión territorial como eixo prioritario para o vindeiro goberno do BNG e, para iso, entre outras cuestións, sinalou a necesidade de ter “un tren digno que acabe coa discriminación do interior neste País”. Se existen problemas no servizo ferroviario en Galiza, de forma máis clara nas zonas do interior como Ourense e Lugo. “De feito, notaredes a ausencia hoxe da nosa compañeira, Olalla Rodil – cabeza de lista do BNG por Lugo-, mais quedou no medio do camiño polos retrasos que acontecen nesta liña” subliña.

Así mesmo, a cabeza de lista por Ourense salientou o compromiso do BNG para trasladar a estación de mercadorías cara o polígono de San Cibrao. “Isto permitiría que o espazo liberado na cidade fose aproveitado para a remodelación urbanística do barrio da Ponte e do Vinteún, tal e como temos demandado noutras ocasións” explicou.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19633483886719